EDUCACIÓN

A Campaña de Animación á Lectura despediuse cunha sesión de contos e música

26/05/2012 A XII Campaña Municipal de Animación á Lectura, que organizan a Concellería de Educación e Kalandraka, chegou ao seu fin. A última actividade, aberta ao público e á que asistiu a concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, foi unha sesión especial de contos amenizada musicalmente polos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música.

Dende que comezara a Campaña, o 16 de abril, viñeronse desenvolvendo sesións periódicas de contos e música para escolares, obradoiros de escrita creativa e de ilustración, sesións de contacontos para bebés e xornadas formativas para adultos. Ademais, aínda se pode visitar ata o 31 de maio a exposición de ilustradores internacionais na Galería Sargadelos. As ilustracións e os obxectos que ambientan o espazo no que foron transcorrendo as actividades guían os visitantes arredor do mundo por Unha viaxe de ida e volta, lema desta edición da Campaña. A partir dos libros gañador e finalista -A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto, e Que che gustaría ser?, de Arianna Papini, respectivamente- do IV Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, o público pode admirar unha mostra da arte gráfica inspirada en Europa e Latinoamérica, África e Asia.

A última sesión de contos e música partiu da obra de dous dos principais autores clásicos da literatura infantil e xuvenil contemporánea, Leo Lionni e Tomi Ungerer. Tampouco faltaron historias de creadores galegos, como Paula Carballeira e Olalla González. Ademais, o ilustrador Marc Taeger acompañou a narración dalgúns contos ilustrando os relatos en directo.

Durante a XII Campaña Municipal de Animación á Lectura participaron máis de 5.000 escolares dos centros de ensino de Santiago (Escolas Infantís: E.I.M. de Conxo, E.I.M. de Fontiñas, Escola Infantil de San Roque, E.I. Tras-Parlamento, E.I. Tambre, E.I. Raiola, E.I. Paparolo, E.I de Vite, E.I. Cativos, Dolores Ramos, Casa do Neno, Os Pequerrechos; CEIPs: Apóstolo Santiago, López Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rodríguez Xixirei e Vite; Colexios: A Inmaculada, Compañía de María, Divino Mestre, La Salle, Nosa Sra. Dos Remedios, San Francisco Javier, San José de Cluny, San Jorge, Vilas Alborada, Juventud, Peleteiro, Juniors e Sta Apolonia) e da comarca (E.E.I. Os Ánxeles, E.I. A Igrexa, CEIP Xesús Golmar, CRA de Teo, CEIP de Barouta, CEIP de Vedra, CEIP Pedrouzos, CEIP Sigüeiro, e CEIP Xacinto Amigo Lera).

Compartir: