NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Obradoiros de cine e hip hop para seguir promovendo o uso do galego

25/05/2012 O domingo 27 de maio, dende as 11:00 horas, celebrarase na praza do Toural Galego de cine, un obradoiro de cinema e proxeccións para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Un día antes, o sábado 26, a praza Roxa acollerá, ás 11:00 e ás 18.00 horas, o taller Titerehop, neste caso destinado a adolescentes de 13 a 18 anos. Estas actividades, incluída no calendario de accións deseñado pola Concellería de Normalización Lingüística para celebra o Día das Letras Galegas, forma parte do programa FalaRedes, realizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para as entidades adheridas á Rede de Dinamización Lingüística.

Galego de cine é un obradoiro que fai un achegamento á linguaxe audiovisual a través de filmes en galego. Así, os pequenos adéntranse nunha caravana converténdose en espectadores das mellores curtas infantís en galego. O visionado vai acompañado de actividades de comprensión das películas e remátase cun videomatón onde os cativos crean a súa propia historia mediante a oralidade, seguindo o modelo do cadáver exquisito.

O revisor das palabras conducirá a actividade, que logo se colgará nas webs www.galegodecine.org e www.youtube.com/galegodecine, xunto coas historias creadas noutros concellos. Rematada a xira, escollerase a mellor das pezas a través dunha votación electrónica. Os gañadores recibirán cadanseu libro do Soldadiño de chumbo, editado por Galaxia en 2010, e un DVD coa película. O circuíto completo da xornada é de 180 minutos, nos que poderán participar 60 nenos inscritos previamente. O videomatón farase en grupos de 20 atendendo a razóns de idade.

Titerehop
Artes plásticas e música únense en Titerehop. Consta dun obradoiro de hip hop (rap), dun obradoiro de expresión plástica denominado "Construción dun títere que cante" e da posta en escena por medio do títere do traballado no obradoiro de hip hop.

O obradoiro de rap, creación de cancións está dirixido por García, membro de Dios Ke Te Crew e o obradoiro dos títeres por membros da compañía Viravolta. Os resultados pódense ver na seguinte web: www.titerehop.wordpress.com.

Máis información na páxina web de FalaRedes: www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais: Twitter (@falaredes) e Facebook e Tuenti (Programa FalaRedes).

Compartir: