CONSORCIO

Presentada María Antón como nova xerente do Consorcio

24/05/2012 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, presentou en rolda de prensa á nova xerente da entidade, María Antón. Na súa comparecencia, Currás salientou as aptitudes da nova xerente e calificouna como a persoa axeitada para dirixir o ente administrativo neste momento. Así mesmo, repasou os principais proxectos que o Consorcio ten en marcha na actualidade e que serán financiados con cargo aos orzamentos deste 2012, aprobado o 22 de maio e que ascenden a un total de 11,2 millóns de euros.

Ángel Currás lembrou que a entidade vai continuar coas súas políticas de recuperación urbana, centradas na rehabilitación e no mantemento de edificios da Cidade Histórica, así como na conservación de monumentos e espazos públicos. Tamén lembrou que se continúa coa construción na antiga curtidoría de Pontepedriña de Arriba do que será o Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación, único no territorio español e que contará cunha financiación dun millón de euros. Por outra banda, sinalou a axuda que o Consorcio vai prestar á Catedral de Santiago, cifrada en preto de 300.000 euros, destinada á posta en marcha do plan de xestión que a Catedral está a desenvolver para conseguir a súa autofinanciación, que permita o desenvolvemento do seu Plan Director.

Por último, fixo fincapé en que o orzamento do Consorcio tamén servirá para continuar coa xestión da Real Filharmonía de Galicia e da Escola de Altos Estudos Musicais e que tamén se continuará co apoio á programación cultural deseñada dende o Concello de Santiago.

María Antón Vilasánchez (Mugardos, 1965) é licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Completou a súa formación con estudos en administración pública e en economía, política e dereito europeos, acadando os títulos de Magister Artis en Administración Pública polo Instituto Universitario Ortega y Gasset e o de Licenciada Especial en Estudos Europeos pola Universidade Libre de Bruxelas.

Ocupou diferentes cargos na Xunta de Galicia, onde foi a responsable da posta en marcha das políticas de promoción e valorización do Camiño de Santiago. Ademais, foi directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia entre 2001 e 2005. Nos últimos anos desenvolveu tarefas de dinamización turística a través da Secretaría Xeral para o Turismo.

Foi nomeada xerente do Consorcio de Santiago no Consello de Administración do 22 de maio de 2012.

Compartir: