CULTURA

O programa Teatro&Danza programa novas funcións de "Shakespeare para ignorantes"

24/05/2012 Mofa e Befa, Quico Cadaval e Fernando Reyes chegan de novo ás táboas do Teatro Principal os días 30 e 31 para representar Shakespeare para ignorantes. Será a primeira vez que representen a obra en Galicia coa música en directo e fano dentro do programa Teatro&Danza, da Concellería de Cultura. As entradas para poder ver o espectáculo, 10 € xeral e 6 € no anfiteatro, poden mercarse na billeteira do propio Teatro en horario de 18:00 a 21:00 horas ou en Novagaliciabanco.

Por primeira vez en Galicia, Shakespeare para ignorantes coa música orixinal das obras de William Shakespeare interpretadas en directo por Fernando Reyes (Resonet). Tras o éxito nas funcións do Corral de Comedias (febreiro 2012) e Clásicos en Alcalá (xuño 2010), por fin chega a Santiago unha nova forma de gozar desta obra.

Shakespeare para ignorantes é un dos espectáculos con maior éxito do teatro galego dos últimos anos. Ademais de encher importantes teatros como o Teatro Principal de Compostela (en máis de 5 ocasións), o García Barbón de Vigo, o Forum Metropolitano da Coruña, o Pazo da Cultura de Narón e Carballo, os auditorios da Mostra de Teatro de Ribadavia e a Mostra de Teatro Clásico Cidade de Lugo (con máis de 800 espectadores en ambos espazos), Quico Cadaval obtivo un Premio Max ao mellor autor teatral en galego e un Premio María Casares ao mellor texto orixinal e dúas nominacións ao mellor actor protagonista (Víctor Mosqueira) e ao mellor actor secundario (Quico Cadaval).

A obra non só é un éxito en Galicia, tamén no resto da Península. Dende a súa estrea, o espectáculo de Mofa e Befa e mais Quico Cadaval estivo en importantes escenarios e festivais como o Corral de Comedias de Alcalá de Henares, o Festival Internacional Cómico de Maia, a XV Mostra das Autonomías de Madrid, Clásicos en Alcalá, Bienal Internacional de Teatro de Actor de Cuenca, Segovia, Ponferrada, Euskadi, Toledo e dúas semanas no Teatro Madrid. Ademais, en 2012 están previstas funcións en El Escorial e na Mostra Espiga de Oro de Azuqueca de Henares.

Máis Teatro&Danza
Antes de pechar esta edición, o ciclo Teatro&Danza ofrece outras propostas tamén moi interesantes. Esta mesma semana, venres 25, sábado 26 e domingo 27 poderemos ver a triloxía completa do Citizen de Chévere no Teatro Principal. Xa no mes de xuño, os días 15 e 16, Sarabela Teatro presenta Tango, de Slawomir Mrozék; e os días 19 e 20 estará no Principal a Compañía Internacional de Teatro Arte Livre con O retrato de Dorian Gray.

Compartir: