CULTURA

"Pinocho, un conto musical" chega o domingo 27 ao Auditorio de Galicia

25/05/2012 A partir do éxito obtido na Mostra d’Alcoi de 2009, Pinocho, un conto musical iniciou unha xira estatal que permitiu achegar ao entrañable monicreque de madeira a máis de 40.000 espectadores. E dentro desta xira, o domingo 27 chega a Compostela o musical, que foi finalista ao mellor espectáculo infantil nos Max 2011. Será no Auditorio de Galicia a partir das 18:30 horas e as entradas, a 12 €, poden mercarse xa na billeteira do Teatro Principal, en Novagaliciabanco, e na billeteira do Auditorio de Galicia o propio día do espectáculo dende as 17:00 horas.

Trátase dun espectáculo baseado no conto clásico de Carlo Collodi, que baixo a batuta do director, José Tomás Cháfer, fai as delicias de pequenos e grandes. Pinocho, un conto musical nace da combinación da esencia do conto con todos os elementos dos grandes musicais. Así pois, os pequenos espectadores gozarán dun universo sonoro e visual preparado para facerlles soñar; recoñecerán a contorna de Pinocho nunha escenografía pensada para sorprendelos; participarán no espectáculo a través dos xogos que se intercalan na acción; divertiranse contemplando as coreografías bailadas polos seus personaxes favoritos e poderán escoitar grandes voces que interpretarán, en rigoroso directo, as cancións que se recollen no CD do espectáculo.

Compartir: