ALCALDÍA

Abertos ao tráfico o paso inferior e a glorieta de acceso ao Centro Comercial As Cancelas

22/05/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e representantes da Xunta de Compensación do SUNP-4, Realia e Carrefour Property inauguraron os traballos contemplados no proxecto de mellora de accesos do entorno, mediante o soterramento de parte da avenida do Camiño Francés e a creación dunha glorieta en superficie con ramais laterais para articular os movementos de acceso ao centro comercial, de maneira independente á circulación de entrada á cidade. Esta actuación, xunto coas dúas rotondas previstas e outras melloras complementarias, foi asumida economicamente pola promotora da superficie comercial.

Para o alcalde, "esta infraestrutura era fundamental para aliviar a conxestión de tráfico que se podería xerar coa área comercial e para favorecer o acceso aos barrios das Cancelas e de Fontiñas". Destacou a rapidez coa que se executou esta actuación e expresou o seu desexo de que a apertura da área comercial a finais de ano supoña "aire fresco" para reducir as cifras de desemprego na cidade.

Preguntado polos xornalistas sobre os posibles danos nas vivendas da zona polas obras, Ángel Currás reiterou que "dende o primeiro momento se mantiveron conversas cos veciños" sobre esta cuestión. Neste sentido, recordou "o compromiso e a vontade da promotora de resolver as incidencias".

Sobre este tema, a concelleira de Infraestruturas, María Castelao, explicou que, rematada a obra, porase en marcha un protocolo de gretas, para comprobar a incidencia das obras nas vivendas. "Os técnicos valorarano e a empresa realizará as reparacións que sexan necesarias", dixo, confirmando a permanente colaboración prestada por Concello e promotora. Ademais, lembrou que o proxecto recolleu finalmente diversas peticións dos veciños para minimizar as molestias da nova infraestrutura e facilitar a habitabilidade da zona.

Maior fluidez no tráfico
A apertura ao tráfico destas actuacións dará fluidez ao tráfico de entrada e saída de Santiago e canalizará todos os movementos de acceso ao Centro Comercial As Cancelas. As obras realizadas tiveron un custo superior aos tres millóns de euros, incluídas as melloras incorporadas ao proxecto a petición dos veciños do entorno e do Concello.

O resultado permite mellorar o sistema viario anterior, incorporando un carril máis por sentido de entrada e saída da cidade, facilitando, ademais, os movementos de xiro e acceso. Por outra parte, xeráronse carrís adicionais para dar máis fluidez á entrada ao futuro centro comercial, coidando á súa vez o trafico peonil.

Estímase que polo paso a nivel de 325 metros inaugurado circularán uns 5.500 vehículos ao día, segundo datos dos responsables do proxecto. Nas obras de execución desta mellora dos accesos utilizáronse 7.000 metros cúbicos de formigón, 100.000 quilos de aceiro e 700 toneladas de mestura bituminosa.

Características técnicas
O paso inferior dispón de dous carrís de 3,35 metros (un por sentido), cunha protección lateral de 0,65 metros e un gálibo de 4,50 metros. O ancho libre é de 8 metros. O eixe ten unha lonxitude total de 600 metros, dos que 325 metros pertencen ao paso inferior propiamente dito. Conta cunha zona de paso cuberta por dúas lousas de 24 metros cada unha e existe un oco central de 21 metros para facilitar a entrada da luz natural. Neste vieiro poderase circular a unha velocidade máxima de 50 km/h, por ser tramo urbano.

En canto aos ramais laterais, habilitáronse dous de acceso á glorieta dende o leste (uno para cada entrada ao centro comercial), un de saída da glorieta cara o leste, un de saída da glorieta cara o oeste e outro de entrada á glorieta dende o oeste, que se converte en dous na chegada á glorieta, facilitando así a inclusión dunha parada de autobús.

A intervención nesta zona tamén supuxo a instalación de semáforos para regular tres pasos peonís, a ampliación da beirarrúa na zona noroeste (xunto ao parque), o axardinamento da glorieta e das lousas laterais e a mellora do alumeado público.

Rematado o túnel da avenida do Camiño Francés, acometerase a rotonda que unirá a avenida de Rodríguez de Viguri co propio Camiño Francés e San Caetano. Posteriormente construirase outra na intersección da avenida de Xoán Paulo II coa rúa das Cancelas e a rúa de Dodro. O obxectivo é que estas dúas infraestruturas estean listas no outono, coincidindo coa apertura do centro comercial.

Centro Comercial As Cancelas
O Centro Comercial ten prevista a súa apertura no último trimestre de 2012, segundo os seus promotores, Realia e Carrefour Property, constituídos na sociedade As Cancelas Siglo XXI, que investirá 90 millóns de euros no desenvolvemento deste espazo comercial e de lecer.

O novo centro terá una superficie bruta alugable de máis de 50.000 metros cadrados, distribuída en tres plantas de superficie directamente destinada a actividades comerciais, ademais de dous niveis subterráneos de estacionamento. Na primeira das plantas situarase un hipermercado xunto a outros 46 locais. A segunda planta albergará firmas de moda e complementos, fundamentalmente. Na terceira instalaranse os cines e locais especializados en ocio e restauración. O centro disporá tamén de 2.150 prazas de aparcamento, das que 2.000 se localizarán nas dúas plantas subterráneas e as 150 restantes en superficie.

En conxunto, As Cancelas contará cuns 130 locais. Segundo as primeiras estimacións dos seus promotores, o novo centro atraerá a oito millóns de visitantes anuais.

Documentos relacionados



Compartir: