TURISMO

Santiago promociónase en Frankfurt como destino de congresos e incentivos

21/05/2012 Turismo de Santiago estará presente no Imex de Frankfurt, un dos eventos máis importantes do mundo no sector do turismo de congresos e incentivos. O evento celébrase do 22 ao 24 de maio. No ano 2011 participaron 3.500 expositores, procedentes de 157 países, datos que amosan a importancia deste encontro.

Turismo de Santiago promocionará a cidade como destino de congresos e incentivos. Entre outras ferramentas, empregará a nova guía profesional do Santiago de Compostela Convention Bureau, o servizo de Turismo de Santiago encargado da promoción da cidade como destino para a celebración de congresos, encontros, xornadas...

A nova guía profesional presentouse na edición de Fitur deste mesmo ano. Trátase dun manual pensado por e para os profesionais do sector que toman as decisións acerca de onde se van celebrar os congresos. A guía, dun modo moi visual, sinxelo e práctico, presenta os múltiples atractivos e recursos cos que conta a cidade: final do Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade, Cultura, Gastronomía, Arquitectura contemporánea... e ademais unha ampla oferta hoteleira e diversidade de espazos nos que realizar calquera tipo de eventos.

Compartir: