CULTURA

La Habitación Roja, The Last Internationale + The Ripe e Wanda Jackson + Pedrito Diablo & Los Cadáveras no Compostela Rock

21/05/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Victor Carou presentou os novos concertos do Compostela Rock, ciclo da Concellería de Cultura. Serán La Habitación Roja, o 24 de maio no Teatro Principal; The Last Internationale+The Ripe, o 6 de xuño na Sala Capitol; e Wanda Jackson+Pedrito Diablo & Los Cadáveras, o 4 de xullo tamén na Sala Capitol.

Con estes tres concertos péchase esta edición do ciclo, que tivo un total de 13 citas. Nas anteriores, entre as que estiveron The Answer, Diamond Dogs, Cooper, Mark Lanegan, Toy Dolls ou Leiva, houbo máis de 3.500 asistentes, o que consolida o ciclo como un referente musical da nosa cidade. En vindeiras datas anunciaranse os primeiros concertos da nova edición do ciclo, que comezará despois do verán.

La Habitación Roja (Valencia pop-rock) estarán no Teatro Principal o xoves 24 de maio, ás 21:00 horas, nun concerto enmarcado na súa xira Fue eléctrico. As entradas para ver a este clásico do pop español, 10 € anticipada, e 14 € o día do concerto, poden mercarse en Novagaliciabanco ou na billeteira do propio Teatro.

The Last Internationale (Nova York, stompin’boots blues) debutan en Galicia con este concerto en Compostela o mércores 6 de xuño, ás 21:30 horas, na Sala Capitol, no que presentan o seu disco Choose your killer. Estarán acompañados por The Ripe (Austin, Texas, rock-folk psicodélico). As entradas, 10 € anticipada e 12 € o día do concerto, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, ademais de en www.ticketea.com, www.salacapitol.com e A Reixa Tenda.

Pecha esta edición do ciclo a raíña do rockabilly, Wanda Jackson (Oklahoma), con Pedrito Diablo & Los Cadáveras (Pontevedra, rock&western) de teloneiros. Poderemos escoitar a Jackson -que comezou a súa carreira xirando con Elvis Presley, Jerry Lee Lewis e gravou con artistas como The Cramps ou Elvis Costello- o 4 de xullo, ás 22:00 horas, na Sala Capitol. As entradas, 20 € anticipada e 25 € o propio día, poden mercarse na billeteira do Principal, en Ticketmaster, e na Reixa Tenda.

Compartir: