URBANISMO

Máis de dous millóns de euros para as ARI de Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico

21/05/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta da sinatura dos convenios entre o Concello, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e o Ministerio de Fomento para o financiamento de novas fases de actuación nas áreas de rehabilitación integral (ARI) de Vista Alegre, Pontepedriña (grupos Compostela e Cardeal Quiroga Palacios) e Casco Histórico. En total, son 2.314.000 euros de subvención para unhas obras que suporán un investimento inducido de 4.900.000 euros.

Os convenios supoñen un aumento do 13% das achegas de IGVS e Fomento, segundo apuntou a concelleira, que destacou que as actuacións previstas xerarán uns 270 postos de traballo. O importe total dos convenios repártese entre os 1.880.000 euros para rehabilitación e outros 434.000 para reurbanización, aos que hai que sumar outros 163.000 euros destinados á oficina de rehabilitación.

A subvención para a ARI de Vista Alegre alcanza os 1.152.000 euros (960.000 para rehabilitación e 192.000 para reurbanización. Permitirán acometer a instalación de ascensores en seis bloques de vivendas. Neste sentido, o técnico Fernando García Tobío, anunciou que, entre este ano e o que vén se terán instalado ascensores en 11 bloques deste barrio.

No caso do Casco Histórico, a subvención alcanza os 754.000 euros (580.000 para rehabilitación e 174.000 para reurbanización. Finalmente, nos grupos Compostela e Cardeal Quiroga Palacios, en Pontepedriña, a subvención é de 408.000 euros (340.000 para rehabilitación e 68.000 para reurbanización).

María Pardo salientou a boa acollida que teñen estas liñas de subvención, que oscilan entre o 30% e 75% do orzamento total da obra. As derivadas destes convenios serán convocadas antes do mes de xullo.

O responsable da Oficina de Rehabilitación aproveitou a rolda de prensa para lembrar que, á marxe das ARI, existen outras subvencións para rehabilitación en calquera parte da cidade, acompañadas en moitos casos tamén de liñas de préstamo vantaxosas e sempre co asesoramento municipal.

No caso da instalación de ascensores en edificios cunha certa antigüidade, García Tobío referiuse a iniciativas xa en marcha, como a das Casas de Ramírez. Os veciños xa foron informados das liñas de axuda e catro ou cinco bloques xa amosaron o seu interese en afrontar a instalación dos elevadores.

Tamén se pretenden afrontar melloras de habitabilidade semellantes en Vite. Nestes días estanse a manter reunións cos representantes veciñais deste barrio para informalos tamén das liñas de axuda existentes.

Compartir: