RECOLLIDA DE LIXO

O Concello colocará 29 colectores para a recollida de roupa e calzado

16/05/2012 Respondendo á demanda cidadá e á vista de exemplos analizados noutras cidades, o Concello vai proceder a licitar a colocación de 29 colectores para a recollida de roupa, calzado e outros residuos téxtiles. Así o anunciou en rolda de prensa o concelleiro de Barrios, Servizo de Recollida de Lixo e Limpeza Viaria e Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente.

A Xunta de Goberno do luns 21 iniciará o procedemento para licitar a colocación inicial de 29 colectores, establecéndose un canon máximo de 2.100 euros ao ano para a empresa adxudicataria. Deste xeito, a instalación destes colectores non suporá ningún gasto para o Concello. De existir demanda, poderán instalarse máis colectores, ata un máximo de 75. A concesión deste servizo outorgarase ata o 31 de decembro de 2015.

Estes 25 colectores serán metálicos e permitirán a recollida en bolsas de zapatos e roupa. Instalaranse nas seguintes rúas: Viena, Montero Ríos, Home Santo, Concheiros, Escultor Asorey, San Pedro de Mezonzo, Bernardo Barreiro, Romero Donallo e Ponte do Sar (zona centro); Fontiñas, Varsovia, París, San Lázaro, Muíña, Cancelas, Salgueiriños de Abaixo, Tabaniscas, Irmandiños, García Lorca e Santa Comba (zona norte e Fontiñas); avenida de Ferrol (2), Valentín Varela, Amor Ruibal, Estrada, avenida da Liberdade e praza Aurelio Aguirre (zona sur).

O concelleiro sinalou a boa acollida que estes colectores teñen noutras cidades de España. En Galicia, Santiago será a segunda en instalalos, tras Lalín.

Tolerancia cero cos vertidos
Por outra parte, Juan de la Fuente aproveitou a rolda de prensa para anunciar o inminente remate da limpeza das inmediacións do vertedoiro clausurado de Aríns, tras os vertidos ilegais producidos nas últimas datas. Ademais, reiterou a intención do seu departamento de ter "tolerancia cero" con estes vertidos, que "non se poden consentir".

O concelleiro lamentou que, a pesar de todas as facilidades dadas para a recollida de residuos e das múltiples advertencias aos infractores, se seguiran producindo vertidos en Aríns. Por iso, anunciou que se vai a pasar a impoñer as sancións máximas contempladas pola ordenanza municipal, que poden chegar ata os 3.000 euros. Nese sentido, recordou que, ata o momento, se realizaran avisos e se impuxeran sancións de ata 600 euros. Agora, ao tratarse de infractores reincidentes, as multas serán as maiores previstas. A Policía Local vixiará permanentemente esta zona, advertiu Juan de la Fuente.

Cara o futuro, indicou que a Consellería de Medio Ambiente e a empresa Urbaser están a traballar nun proxecto de selado definitivo do vertedoiro de Aríns. Afirmou que ambas están dispostas achegar financiamento a este proxecto, cuxo custo cifrou entre os 2,5 e 3 millóns de euros.

Compartir: