LEVANTAMENTO DE 1846

Lembrando o levantamento galego de 1846

21/04/2006 A concellería de Cultura de Santiago de Compostela organiza un acto o vindeiro domingo 23 de abril para celebrar os 160 anos do levantamento galego en Santiago de Compostela. O acto, que se celebrará na praza da Inmaculada, estará presentados polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego e iniciarase ás 19.00 horas, xa que a esa hora comezaron a rendirse os compañeiros de Solís, vendo que non quedaban municións no mosteiro de San Martiño Pinario.

Trala intervención de Néstor Rego, Chelicia, grupo de violonchelos de Compostela, interpretará tres pezas: Meus Amores, Os teus ollos e Negra Sombra. E xa para rematar, haberá unha lectura de textos e poemas a cargo da escritora María do Cebreiro. O acto durará unha media hora, polo que rematará na hora exacta na que Solís decide entregarse nesas mesmas escaleiras 160 anos atrás.

Ademais, a concellería de cultura editou unha publicación conmemorativa deste acontecemento histórico que presentará tamén no transcurso desta celebración. O domingo 23, ademais da data deste aniversario é tamén o Día do Libro polo que varias librarías da cidade estarán abertas e terán postos na Praza do Toural. Os composteláns que merquen un libro en galego ao longo do día, recibirán de agasallo esta publicación que conmemora o 160 aniversario do levantamento galego en Santiago.

O martes 2 de maio, ás 19.00 horas, o concelleiro de cultura, Néstor Rego, e o historiador Justo G. Beramendi, que fai unha colaboración na publicación, presentarana na Feira do Libro, que comeza o vindeiro venres 28 no Paseo da Alameda, e na que tamén se agasallará con esta publicación a todos aqueles que merquen un libro na nosa lingua.

Compartir: