CULTURA

A Banda Municipal remata o Ciclo de Novos Intérpretes Galegos

11/05/2012 Na programación da temporada 2011-2012, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela puxo en marcha o Ciclo de Xóvenes Intérpretes Galegos. O último dos concertos contará coa participación do trombón Daniel Rubial.

Foron sete concertos nos que a Banda Municipal contou con sete solistas, sete galegos novos con idades comprendidas entre os 15 e os 25 anos, que están levando a cabo os seus estudios musicais tanto en Galicia como no estranxeiro: André Cebrián Garea, frauta; Victor Manuel Vilariño Salgado, trompeta; Carlos Seráns Santos, tuba; Jorge Alberto González-Reynoso Sarabia, percusión; Amelia Ónega Otero, clarinete; Irene del Río Busto, óboe; e Daniel Rubial Ortigueira, trombón, con quen remata o ciclo o domingo 13.

Daniel Rubial Ortigueira comeza os seus estudos musicais á idade de 11 anos con Manuel Villar e Daniel Portas. Ingresa no Conservatorio Profesional de Pontevedra, onde remata coas máis altas cualificacións. Actualmente estuda 3º de Grao Superior no Conservatorio Superior da Coruña. Gañou o concurso Intercentros Melómano na súa edición autonómica, sendo 4º clasificado e mellor intérprete de vento-metal na fase nacional, en 2007. Realiza cursos con profesores da talla de Charles Vernon (Chicago Symphony Orchestra), Scott Hartman (Yale University), James Markey (NY Philarmonic), Alberto Urretxo (Bilbao Orchestra), Unai Urretxo (Daejong Orchestra), Francisco Rosario (Real Orquestra de Sevilla), Koichiro Yamamoto (Seattle Symphony), Faustino Núñez (Orquestra do Palau de Les Arts), Weston Sprott (Opera Metropolitan New York), Daniel Portas (Banda Municipal de Santiago). Asiste a clases regularmente con P. Eiriksson (OSG) e con J. Etterbeek (OSG), sendo este último o seu profesor na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia dende hai catro.

Foi ou é membro de orquestras como Netherland Jeug Orchestra, JONDE, Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, Nova Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, Nova Orquestra Oviedo Filharmonía, Nova Orquestra e Coro da Comunidade de Madrid. Ten colaborado con directores da talla de Jan Cober, Pietro Rizzo, Rubén Gimeno, David Ethève, Jose-Rafael Pascual Vilaplana, Plácido Domingo, Víctor Pablo Pérez, Jaime Martín, Maximino Zumalave, Antoni Ros Marbá, Clark Rundell...

Colabora profesionalmente coa Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica do Palau de Les Arts de Valencia e a Orquestra Sinfónica de Galicia. Ofreceu concertos como solista coa Banda Municipal de Valga e a Banda Sinfónica do Conservatorio Superior da Coruña. Foi invitado a dar recitais instrumentais por toda a xeografía galega e española por varias entidades, entre elas a Fundación Eutherpe.

Compartir: