TURISMO

Turismo de Santiago colabora con Aer Lingus na promoción da cidade en Irlanda

11/05/2012 O sábado 12, no programa Saturday Night Show, da televisión pública irlandesa RTÉ, sortearanse dous billetes de avión con catro noites de hotel no Hostal dos Reis Católicos nunha campaña de promoción de Aer Lingus da súa conexión entre Dublín e Santiago, na que colaboran Turismo de Santiago, a rede de Paradores de España e a Oficina Española de Turismo en Dublín.

Ao longo do programa emitiranse varias cuñas dun minuto de duración nos que se presentará a Santiago coma Cidade Patrimonio da Humanidade e destino do Camiño de Santiago. Tamén se fará referencia a que é a capital de Galicia, un país con raíces celtas que comparte elementos culturais coa propia Irlanda. Destacarase tamén que o Hostal dos Reis Católicos, construído a fines do século XV como hospital de peregrinos, está considerado o hotel máis antigo do mundo.

O mercado turístico irlandés é un mercado interesante para a cidade por varias razóns, entre as que destacan dúas: porque existe unha conexión aérea directa que une Santiago e Dublín tres veces por semana entre maio e setembro, e porque Irlanda ten fondas raíces católicas, co que o Camiño de Santiago é un atractivo moi importante. Por exemplo, en Dublín atópase a Irish Society of the Friends of St.James, unha entidade fundada xa en 1992 para promocionar a peregrinación a Santiago no país.

A conexión con Dublín leva xa varios anos funcionando. Os datos de pasaxeiros nos últimos catro anos foron: 2011, 17.206 pasaxeiros; 2010, 17.421; 2009, 12.020; 2008, 16.820. O obxectivo de Turismo de Santiago é promocionar a cidade en Irlanda e potenciar esta conexión, para que aumenten tanto os números de turistas deste país como o número de pasaxeiros neste enlace.

Compartir: