DEPORTES

As familias compostelás teñen unha cita deportiva e lúdica no Día da Bicicleta

11/05/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e a responsable en Santiago de Decathlon, Isabel Rodríguez, presentaron a segunda edición do Día da Bicicleta. Celebrarase o domingo 13 e contará cun percorrido en bicicleta pola cidade e con diversas actividades lúdicas na praza do Obradoiro.

A previsión é que uns 500 ciclistas de todas as idades participen neste Día da Bicicleta. Ás 10:00 horas sairán os participantes da praza do Obradoiro para realizar un percorrido duns 10 quilómetros por rúas do Casco Histórico e do Ensanche. O paseo terá un participante moi especial, o triatleta Iván Raña.

O Club Ciclista Compostelán e a Policía Local encargaranse de velar pola boa marcha dos ciclistas, que terán á súa disposición postos de avituallamento. Despois da hora e media aproximada de pedaleo, os ciclistas chegarán de novo á praza do Obradoiro, onde se atoparán con diversas actividades lúdicas e deportivas e con sorpresas para todos os participantes.

Os interesados en participar, que deberán levar casco, poden inscribirse na propia tenda Decathlon da Costa Vella, ou na súa páxina web.

Esta será o primeiro dos días da bicicleta previstos para este ano, xa que Adrián Varela anunciou que haberá outras xornadas deste tipo en xuño e setembro.

Direccións relacionadas



Compartir: