PERSOAL

Amelia González afirma que "non se pode recortar o que non hai" no cadro de persoal

11/05/2012 A concelleira de Persoal e Réxime Interior, Amelia González, deu conta da proposta do Goberno local que se está a debater na mesa de negociación cos representantes sindicais dos traballadores municipais, tanto no relativo ao cadro de persoal funcionario e laboral como aos aforros de determinadas partidas complementarias. En calquera caso, explicou, "os salarios non se van tocar, non se vai prescindir de ninguén nin vai haber ningún expediente de regulación de emprego".

O Goberno municipal vai incluír nos orzamentos de 2012 un cadro de persoal que "recollerá exactamente os postos que hai coas súas correspondentes dotacións orzamentarias", indicou a edil, denunciando a irregularidade que supoñía incluír en pasados exercicios postos sen orzamentar. Por isto, afirmou que "non se pode recortar o que non hai, porque o cadro de antes non era real".

Neste sentido, apuntou que esas prazas sen dotación incluídas nos orzamentos de 2011 estaban cuantificadas en máis de 2,6 millóns de euros. A obrigatoriedade de dotar orzamentariamente as prazas está establecida por lei, insistiu. "Agora, nos orzamentos plasmarase a realidade do cadro de persoal do Concello de Santiago", resumiu.

Na mesa de negociación tamén se presentou unha proposta de aforro, que afectaría a partidas como as gratificacións por xubilación, os complementos de produtividade, as chamadas axudas sociais ou a formación. A proposta inicial, suxeita a negociación –aspecto este no que insistiu a edil- suporía un aforro anual duns 940.000 euros. En ningún caso esta redución se estendería ás axudas a familias numerosas ou con integrantes con discapacidade.

Sumando o aforro da amortización de prazas de xubilación que non se cubrirían, o aforro podería alcanzar os dous millóns, segundo estimou. A amortización de prazas non afectaría aos Bombeiros nin á Policía Local. En canto á proposta de redución de xornada laboral e retribucións a interinos, indicou que aínda non está cuantificada, xa que dependería das necesidades de cada servizo.

A propósito destas partidas complementarias, apuntou como exemplo que, en 2010, se aprobaran gratificacións por xubilación por importes que, para algúns empregados, superaban os 75.000 euros. "Non coñezo ningún outro concello onde se dean estes incentivos", indicou Amelia González. Tamén chamou a atención sobre o feito de que "o non consumido das axudas sociais, se repartía logo entre todos os traballadores".

Estas axudas complementarias aparecen recollidas no convenio regulador. Ante a situación económica actual, dixo, "a Lei permite que se poida suspender enteiro ou nalgún dos seus puntos, e así se propuxo na mesa de negociación". Así, e tras reiterar que non se van tocar os salarios nin se vai prescindir de ninguén, pediulles aos funcionarios que "miren ao que pasa na sociedade en xeral e ás condicións nas que están outros traballadores non municipais". Apelou á súa "cordura, sensatez e solidariedade", recordándolles que en todos os departamentos municipais se van recortar os gastos, polo que "o de Persoal non pode ser o único intocable". En calquera caso, a concelleira amosouse aberta á negociación e a recibir as propostas dos representantes sindicais.

Documentos relacionados



Compartir: