BENESTAR SOCIAL

Rapaces e maiores de Vite confeccionaron unha singular bandeira europea

10/05/2012 O Centro Sociocultural José Saramago de Vite acolleu unha entrañable actividade interxeneracional, na que rapaces do barrio e persoas maiores compartiron por unhas horas a tarefa de confeccionar conxuntamente a bandeira europea. Para a súa elaboración empregaron madalenas e galletas, que foron decoradas polos propios participantes na actividade.

A finalidade desta iniciativa, organizada polo Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS coa colaboración do Centro Sociocultural de Vite e á que asistiu a concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, era crear unha actividade na que maiores e pequenos participasen por igual, con motivo da celebración en 2012 do Ano Europeo do Envellecemento Activo e da Solidariedade Interxeneracional.

Posibilitar que os maiores teñan unha vida independente e saudable, facer énfase no fortalecemento físico e psíquico e contribuír a reforzar os lazos de unión cos membros máis novos da sociedade foron os principais obxectivos desta actividade, así como resaltar o valor das persoas maiores e a súa contribución ao longo dos anos á nosa sociedade. Dende o Equipo resaltan a importancia vital que supón contar cunha unión interxeneracional e traballar en prol dun envellecemento activo e digno.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: