CIDADES PATRIMONIO

O IES Rosalía de Castro, premiado no programa "Coñecer as Cidades Patrimonio"

20/04/2006 "Eivissa: O turismo desde unha perspectiva de sostibilidade. Proposta de achegas e actuacións" é o título do traballo polo que foi seleccionado o grupo de 2º de ESO do IES Rosalía de Castro na 5ª edición do programa didáctico "Coñecer as Cidades Patrimonio". Outros dous centros escolares santiagueses, o IES Eduardo Pondal e o C. Seminario Menor, participaron nesta convocatoria.

A Comisión de Avaliación valorou a calidade deste traballo, dirixido polas profesoras Rosa Quintas Losada e María Potel Torre, que inclúe un dossier co proxecto de investigación e un videoclip de promoción turística da illa. A Comisión estaba formada por Elvira Cienfuegos, concelleira de Educación e Patrimonio; Teresa García-Sabell Tormo, concelleira de Cidades Patrimonio; Miguel Anxo Seixas Seoane, historiador e escritor; Mª Estrella Piñeiro Lorenzo, da Dirección Xeral de FP e Ensinanzas Especiais da Xunta de Galicia e Xosé M. Rodríguez-Abella Gómez, xefe do Departamento de Educación e Mocidade.

O premio consiste en viaxar á cidade de Eivissa (días 11, 12 e 13 de maio) para coñecer in situ os lugares obxecto do traballo e, no mes de xuño, a San Cristóbal de La Laguna, que nesta edición é a cidade organizadora e anfitriona do acto de encontro de todos os grupos seleccionados de cada cidade patrimonio da humanidade de España.

O Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago, xunto coas cidades de Ávila, Ibiza, Segovia, San Cristóbal de La Laguna, Alcalá de Henares, Toledo, Cáceres, Córdoba, Salamanca e Cuenca, convoca o programa "Coñecer as Cidades Patrimonio". Esta iniciativa, dirixida a grupos de escolares de 1º e 2º ciclo da ESO e aos seus profesores/as, pretende dar a oportunidade de coñecer e valorar as cidades patrimonio como espazos nos que fomentar unha actitude de cidadanía activa, crítica e solidaria.

O obxectivo deste programa é que os alumnos/as de educación secundaria obrigatoria que viven e estudan en cidades patrimonio da humanidade aprendan a coñecer e valorar non só a súa cidade, senón o resto de cidades que ostentan o mesmo título, a través de traballos realizados nas aulas por grupos de alumnos/as, dirixidos polos seus profesores/as cara a uns temas previamente determinados.

Nesta edición, a cidade de estudo para os centros participantes de Santiago foi Eivissa e deberon presentar un proxecto de traballo sobre esa cidade.

Compartir: