BENESTAR SOCIAL

Segunda xornada do programa "ACTÍVA-T"

10/05/2012 Dez alumnas e alumnos participaron no segundo dos obradoiros encadrados dentro do Programa ACTÍVA-T, organizados polo Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS en colaboración co Centro Social Albergue Juan XXIII". Desta vez o taller levaba por título Elaboración e decoración de doces caseiros.

Ademais de gozar na preparación dos diferentes doces, os participantes aprenderon as diferentes técnicas de amasado e forneado de receitas de cupcakes e madalenas. Tamén puxeron en práctica varias técnicas de coberturas e de manipulación de diferentes colorantes alimentarios, así como de decoración. Ao finalizar a preparación dos doces, os participantes e as participantes tiveron tempo para debater sobre as diferentes técnicas e para degustar os cupcakes e as madalenas, apreciando os seus sabores e texturas.

O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS aproveitou esta xornada para dar a coñecer aos asistentes as novas propostas de talleres do programa ACTÍVA-T, que terán lugar todos os mércores dos meses de maio e xuño, dende as 16:30 ás 19:00 horas, no Centro Juan XXIII.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: