ALCALDÍA

Rebeca Domínguez marca a conciliación familiar como unha das súas prioridades á fronte da Concellería de Educación

10/05/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou á que será a nova concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez. A edil tomará posesión da súa acta no Pleno extraordinario convocado para o venres 11.

Rebeca Domínguez é a sétima muller que integra o Goberno municipal, asumindo dúas competencias, Educación e Normalización Lingüística, que ata agora exercera o agora alcalde. Así, Ángel Currás deixoulle sobre a mesa catro temas a abordar de inmediato, como a xestión dos comedores escolares, a colaboración con centros escolares e ANPAS nas actividades extraescolares e o programa de conciliación familiar para o verán.

A conciliación familiar será precisamente unha das principais apostas da nova edil, segundo apuntou na súa presentación ante os medios de comunicación. Dixo que Ángel Currás lle deixa o "listón moi alto", pero que afronta o reto con "ilusión" e "aberta a propostas", nun marco de traballo caracterizado "polo diálogo, o respecto e a comunicación".

Escola Infantil de Salgueiriños
Un dos temas que deberá asumir Rebeca Domínguez será a apertura da Escola Infantil de Salgueiriños. Resoltas as deficiencias no seu proceso de construción, o alcalde afirmou que abrirá o vindeiro curso escolar. Neste sentido, confía en que nun prazo de dunha ou dúas semanas se produza o visto boa da Consellería de Traballo e Benestar e poida así abrirse o prazo de solicitude e matrícula.

Persoal
Preguntado polos xornalistas sobre as medidas previstas polo Goberno municipal en materia de persoal, Ángel Currás afirmou que "non estamos falando de nada novo, xa que a situación económica xa obrigaba antes a que as prazas vacantes por xubilacións se amortizasen". Ademais, recalcou, "a taxa de reposición de efectivos é mínima pola situación de endebedamento que ten o Concello".

"As prazas que non están orzamentadas non poden estar", indicou o alcalde a propósito doutro dos temas en cuestión. Tamén quixo deixar claro que "non se van rebaixar os soldos nin as horas extraordinarias". En todo caso, dixo, "vanse producir restricións nalgunhas partidas de axudas sociais", unha medida que considerou "necesaria" e que "xa se está facendo noutras administracións". Finalmente, reafirmou o compromiso de aforro do Goberno municipal en persoal de confianza.

Compartir: