DEPORTES

O pavillón de Vite acolle o Campionato de España Sub-16 de Hóckey Feminino

10/05/2012 Os días 11, 12 e 13 de maio, o Pavillón Polideportivo de Vite acollerá o Campionato de España de Hóckey a Patíns Feminino de clubs na categoría Sub-16. Na proba, organizada polo Club de Hóckey Compostela e pola Federación Galega de Patinaxe, competirán oito clubs de Galicia, Asturias, Cataluña e Madrid.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou este Campionato de España, que enmarcou no obxectivo municipal de "fomentar o deporte feminino e eliminar estereotipos respecto a este". Neste sentido, o vicepresidente do Club de Hóckey Compostela, Jesús Franco, destacou que, dende a súa creación hai 4 anos, o equipo ten como un dos seus principais retos "patrocinar o deporte feminino" e "dar a coñecer esta disciplina minoritaria". "É a primeira vez que Santiago acolle un campionato de España desta disciplina", engadiu.

O venres 11 e o sábado 12 en xornada de mañá e tarde, e o domingo en xornada de mañá, celebraranse os partidos, nos que competirán os seguintes equipos: Club de Hóckey Compostela (Galicia); Biescas Gijón H.C. (Asturias); C.P. Manlleu, C.H.P. Bigues i Riells e Reus Deportiu (Cataluña); e C.P. Alcobendas, Sta. María del Pilar e C.P. Alcorcón (Madrid). Participarán xogadoras nadas entre 1996 e 1999.

Os oito equipos dividiranse en dous grupos. Os dous primeiros de cada grupo loitarán logo polos postos do 1º ao 4º e os demais pola clasificación do 5º ao 8º. A entrada a todos os partidos será de balde.

O secretario do club, Elías Martínez, destacou o alto nivel das participantes, "algunhas das cales xa veñen xogando con asiduidade na OK Liga feminina, malia a súa corta idade". Así, apuntou que a maioría dos equipos teñen representación na máxima categoría nacional.

Club de Hóckey Compostela
O Club de Hóckey Compostela ten na actualidade máis de 200 practicantes femininas desta disciplina deportiva, do total de 500 deportistas cos que conta. Compite na Liga Galega con 16 equipos, seis deles de categoría prebenxamín.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: