COMERCIO

O comercio compostelán celebra o 18 de maio a primeira Noite Aberta de Primavera

09/05/2012 A Concellería de Comercio, dirixida por Reyes Leis, organiza por primeira vez a Noite Aberta de Primavera do comercio compostelán, que se celebrará o venres 18 de maio e que se integra dentro do programa municipal de actividades das Festas da Ascensión. O programa conta coa colaboración das asociacións comercias da cidade: Acotés, Compostela Monumental e Santiago Centro.

Os comercios participantes abrirán as súas portas ata as once da noite para ampliar o horario comercial habitual e facilitar as compras no pequeno comercio da cidade nun día no que haberá un ambiente festivo pola Ascensión. Os comercios participantes lucirán un cartel identificativo. Entre todas as persoas que fagan compras superiores a 20 euros nalgún destes comercios sortearase unha viaxe para dúas persoas as Illas Canarias e dez vales de compra de 50 euros para comprar nos propios comercios participantes.

O prazo de inscrición dos comercios remata o 11 de maio. Poden participar tanto comercios membros dalgunha asociación coma os que non están asociados. Para inscribirse deberán remitir os datos do seu establecemento (nome comercial, enderezo e sector), así como os datos do titular do mesmo (nome, apelidos e teléfonos de contacto) ao seguinte enderezo electrónico: comercio@santiagodecompostela.gal. Para máis información poden chamar ao número de teléfono 981 556 250.

Esta primeira Noite Aberta de Primavera súmase as noites abertas que xa se celebraron en 2011, a primeira delas dentro do Galicia Fashion Week e as segundas dentro do programa de Nadal do Concello. O obxectivo do Concello con esta iniciativa é dinamizar o sector comercial de Santiago con actividades que acheguen aínda máis o pequeno comercio da cidade tanto aos propios composteláns como a xente da comarca.

Compartir: