DEPORTES

A Concellería de Deportes programa máis de 70 eventos en 2012 e ultima o proxecto do novo complexo acuático de Santa Marta

09/05/2012 Apoio ao deporte de base, unha rigorosa política de investimentos, a aposta polas prácticas saudables e a consolidación de Santiago como sede de grandes eventos deportivos serán algúns dos eixes de traballo da Concellería de Deportes. Todo este labor aséntase na nova imaxe do Departamento que, baixo o lema "O deporte é SAN, Santiago é SAN", integrará todo o deporte da cidade, baixo unha xestión, promoción e coordinación única.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou todas estas liñas de traballo, comezando por un programa cronolóxico ata final de 2012 que inclúe máis de 70 eventos en 25 disciplinas deportivas diferentes. O atletismo, o baloncesto, o fútbol, o ciclismo, a escalada, a esgrima, o fútbol, as artes marciais, o motor, a patinaxe, o squash, o tenis, o pádel ou o waterpolo serán algunhas das modalidades que non faltarán neste amplo calendario deportivo

Entre as actividades previstas figura como novidade un circuíto de carreiras saudables da cidade, "Corre San", que verá a luz proximamente, entre as que se incluirá unha nocturna. Neste sentido, Adrián Varela apuntou que unha das prioridades do Departamento será esa parte de fomento dos hábitos saudables. Tamén se quere implicar as familias neste cometido, cunha serie de xornadas dedicadas ás mesmas. Outro ámbito que non se descoidará será o formativo, con accións dirixidas aos xestores deportivos da cidade e encamiñadas á captación de patrocinios e á formación pedagóxica.

Terceiro complexo acuático
O concelleiro fixo un repaso dalgunhas actuacións previstas, entre as que destacou a creación do novo complexo acuático de Santa Marta, o terceiro da cidade. Indicou que se construirá nunha parcela de 4.500 metros cadrados lindeira co actual estacionamento de borde da zona. Terá un vaso principal de 25 x 16 metros, con oito rúas de 2 metros de ancho, e outro vaso de iniciación duns 16 metros.

As instalacións completaranse cun espazo destinado a un circuíto termal, con dúas salas para actividades dirixidas na parte inferior e outras dúas, ademais dos espazos para cardio e musculación, na parte superior. Os clubs composteláns vinculados aos deportes acuáticos tamén terán espazos neste complexo e contémplase igualmente unha área exterior con zonas verdes, solarium e pistas de pádel. Está aberta a posibilidade de dotar á instalación dunha grada retráctil.

Adrián Varela estimou entre 4.000 e 5.000 o número de usuarios potenciais deste complexo acuático, cuxa construción requirirá un investimento duns catro millóns de euros. Anunciou que a intención municipal é a de licitar o proxecto en agosto e, tras a adxudicación, estímase un período de obras de 14 a 16 meses.

Adiantou que o investimento será privado e que a empresa que se fará coa concesión da instalación se decidirá nun concurso de libre concorrencia. "Estamos estudando unha posible fórmula para que XADE puidera acceder á xestión, pero de non ser así, sería unha empresa privada a que a asumira a concesión, cun período de amortización duns 30 anos", afirmou o edil. En calquera caso, a instalación tería prezos acordes ás das outras dúas deste tipo da cidade. Adrián Varela quere que este novo complexo sirva tamén para que poida crear un "club de referencia" na cidade nas modalidades deportivas de auga.

Apoio ao tecido asociativo e nova web
Outra actuacións previstas polo Departamento son a remodelación do estadio de San Lázaro e o incremento das subvencións ao tecido asociativo da cidade. Neste sentido, anunciou que a reestruturación nesta materia suporá un incremento do 40% das axudas ao deporte federado, reducindo as de carácter nominativo. Ademais, crearase unha bolsa de 20.000 euros para deportistas composteláns, que se repartirán en función do rendemento deportivo, a razón de axudas máximas de 1.000 ou 500 euros.

Finalmente, quixo recordar que a consolidación dos servizos prestados aos cidadás serán unha máxima constante, que se traducirá día a día na mellora e accesibilidade aos recintos deportivos, en plans de formación do deporte de base e no apoio ao sector empresarial privado.

Todo o relacionado co deporte compostelán aparecerá recollido nunha páxina web que se presentará na primeira semana de xuño. Será unha plataforma online na que os cidadáns poderán consultar toda a información relacionada coas distintas actividades, instalacións e equipos da cidade.

Compartir: