CULTURA

Paul Lewis pecha o IV Ciclo Ángel Brage

08/05/2012 Paul Lewis pecha a IV edición do Ciclo de Piano Ángel Brage cun concerto no Auditorio de Galicia o venres 11 de maio ás 21:00 horas. Antes del, neste ciclo, patrocinado por Eduardo Beiras, Castrosúa, Egasa, Fundación Araguaney e Televés, puidemos escoitar no Auditorio a Ingolf Wunder e a Emanuel Ax. As entradas para o concerto de Lewis, a 15 €, 7,5 € para estudantes e xubilados, están á venda na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) e en Novagaliciabanco. Ademais, tamén poderán adquirirse na billeteira do Auditorio de Galicia o propio día do concerto desde as 18:00 horas ata o comezo do mesmo.

Paul Lewis está considerado internacionalmente coma un dos pianistas máis importantes da súa xeración. Gañou o Premio ao Instrumentista do Ano da Royal Philharmonic e o South Bank Show Award de Música Clásica, o Diapason d’Or de l’Année en Francia, dous premios sucesivos Edison en Holanda, o 25º Premio Internazionale Accademia Musicale Chigiana de Siena e tres premios Gramophone, incluíndo ao do disco do ano 2008.

A súa gravación do ano 2010 de Winterreise, de Schubert, con Mark Padmore, foi galardoada cun premio Gramophone. Ten unha relación particularmente estreita co Wigmore Hall de Londres, onde apareceu en máis de corenta ocasións. Actuou con moitas das principais orquestras do mundo. Durante os últimos anos podemos destacar o ciclo completo dos Concertos de Beethoven coa Orquestra Sinfónica de Galicia, o seu debut coa Sao Paulo Symphony Orchestra, a apertura do Mostly Mozart Festival en Nova York co Concerto núm. 5 de Beethoven, os concertos en Nova York, Chicago, Milán e Turín coa Orquestra Sinfónica de Londres e Sir Colin Davis como director, unha xira europea coa Orquestra Sinfónica de Bournemouth baixo a batuta de Marin Alsop, a súa segunda xira de recitais por Australia para Música Viva, e unha extensa xira por Estados Unidos coa Orquestra de Cámara de Australia.

Durante o ano 2011, Paul Lewis embarcouse nun proxecto de dous anos de duración titulado Schubert e o Piano: 1822- 1828, no que interpreta os traballos de madurez do compositor, que abarcan dende Wandererfantasie en diante, presentado nos escenarios de Londres, Nova York Chicago, Tokyo, Róterdan, Florencia e Schubertiade Schwarzenberg. Paul Lewis estudou con Ryszard Bakst en Chethams School of Music e Joan Havill na Guildhall School of Music and Drama, antes de pasar a estudar en privado con Alfred Brendel. Xunto á súa esposa, a violonchelista norueguesa Bjørg Lewis, é director artístico de Midsummer Music, un festival de música de cámara anual, celebrado en Buckinghamshire, Reino Unido.

Compartir: