ALCALDÍA

O alcalde e o delegado do Goberno constatan os avances producidos tras a reactivación da Xunta Local de Seguridade

08/05/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, reuniuse co delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez. No encontro, repasaron a situación actual das obras do Estado pendentes na cidade e do funcionamento da Xunta Local de Seguridade. A continuación, o alcalde reuniuse co presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, ao que lle manifestou a necesidade de reactivar o paralizado novo edificio do Parque de Bombeiros.

Ángel Currás expresoulle Samuel Juárez o desexo de que dende o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente se "axilice" todo o relativo á nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), unha vez aprobada a nova situación da instalación. Ademais deste tema, comentou o delegado do Goberno, falaron doutras actuacións pendentes, como a duplicación da AP-9 ao seu paso por Santiago, do enlace desta vía coa Cidade da Cultura, dos accesos aos novos polígonos industriais ou do túnel de Conxo. Sobre este último proxecto lembrouse que conta cunha partida de 500.000 euros nos orzamentos do Estado de 2012, contemplándose outros 3 millóns en 2013 e 3,5 millóns en 2014.

Alcalde e delegado tamén fixeron balance do funcionamento da Xunta Local de Seguridade, constituída no mes de marzo e que está a punto de rematar o Plan Local de Seguridade de Santiago, que anunciou que se presentará proximamente. Ambos destacaron a importancia da reactivación deste órgano e vontade "máxima" de colaboración neste ámbito.

Unha Comisión de Coordinación Policial é a que se está encargando de elaborar o Plan Local de Seguridade. Posteriormente, redactará tamén o Plan de Seguridade Viaria. Esta Comisión foi aprobada na sesión constitutiva da Xunta Local de Seguridade o pasado 12 de marzo. Neste órgano están representados os diferentes corpos de seguridade con competencias no ámbito de Santiago e as administracións estatal, autonómica e local.

Parque de Bombeiros
Nunha reunión posterior, Ángel Currás, manifestoulle ao presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, a intención do Concello de retomar o tema do Parque de Bombeiros, "que leva enquistado dende hai 10 anos". "Non podemos manter este esqueleto, resultado dunha xestión lamentable", apuntou o alcalde a propósito do edificio de Salgueiriños.

O rexedor municipal quere que este tema tome "un pulo diferente" e que "se comece a abordar de forma seria", lembrando que este é un proxecto que, ademais de ao Concello é a Deputación, afecta á Xunta de Galicia e aos concellos limítrofes.

Compartir: