ALCALDÍA

Recoñecemento municipal aos éxitos do Blusens Monbus e do Compostela

07/05/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu en Raxoi a recepción municipal aos xogadores, adestradores e directivos da SD Compostela e do Blusens Monbus. Foi momento para recoñecer a boa temporada de ambos clubs, culminada no primeiro caso co ascenso á Terceira División e, no caso do Obradoiro, coa permanencia un ano máis na Liga ACB.

Os primeiros en pasar polo salón vermello de Raxoi foron os integrantes da SD Compostela. Malia non ter rematado aínda a temporada, o club xa asegurou hai unhas xornadas o seu ascenso á Terceira División.

Ángel Currás expresou o seu "orgullo" por recibir o club branquiazul por un ascenso que "a mellor forma de celebrar o seu 50 aniversario". O rexedor municipal considerou que este cambio de categoría é un primeiro paso para que, "con desexo e ambición", a SD Compostela "volva en pouco tempo á Primeira División".

O presidente da SD Compostela valorou o "esforzo e compromiso dos xogadores, do corpo técnico e da afección que nos apoiou". E cara o futuro, manifestou o "propósito de traballar con firmeza e seriedade" para seguir colleitando éxitos deportivos.

Permanencia na ACB
Tamén cumpriu o seu obxectivo o Blusens Monbus, quen na penúltima xornada, o mércores 2 de maio, xa conseguira matematicamente a súa permanencia un ano máis na Liga ACB. Tras a festa vivida o domingo no Multiusos de Sar con toda a afección, tocaba desta vez o recoñecemento institucional.

O alcalde lembrou o "nerviosismo" que el mesmo viviu nestas últimas xornadas e congratulouse polo éxito final, logrado grazas ao "empeño e esforzo" do equipo. Dixo do Obradoiro que é un "referente" para a cidade e comprometeuse a que o Concello "apoiará na medida que poidamos" o club.

Pola súa parte, o presidente do club, Raúl López, afirmou que a "felicidade" desta "semana grande para o deporte compostelán e galego" compensaban as dificultades pasadas durante a temporada. "É difícil encontrar un grupo de xogadores e técnicos co compromiso dos que hoxe forman o Blusens Monbus", dixo, valorando tamén a "xenerosidade e compromiso" da directiva. Indicou finalmente que "hai que empezar a pensar no futuro", remitíndose á necesidade de subscribir, entre maio e xullo, 2 millóns en accións.

Documentos relacionados



Compartir: