XUNTA DE GOBERNO

O Concello acomete a reparación da cuberta do Parque de Bombeiros

07/05/2012 A Xunta de Goberno adxudicou as obras de reparación da cuberta do Parque de Bombeiros. Tamén deu o visto bo á substitución das canalizacións de auga na rúa da Presa, en Angrois.

A concelleira de Obras e Infraestruturas, María Castelao, explicou que a actuación no Parque de Bombeiros pretende arranxar "importantes deficiencias" que afectan sobre todo á área de descanso dos bombeiros. A obra permitirá reparar a cuberta, impermeabilizar o semisoto, e arranxar determinadas pezas que, polo seu deterioro, provocaban mesmo un problema de seguridade, ao permitir o acceso ao Parque de persoas alleas ao mesmo.

Vaise actuar sobre unha superficie de cuberta de 932 metros cadrados. O investimento na obra será de 59.000 euros e o prazo de execución é de dous meses. Os traballos comezarán en canto o permita a climatoloxía.

Substitución de canalizacións en Angrois
A proposta da Concellería de Medio Rural, adxudicouse por urxencia a substitución das canalizacións na rúa da Presa, en Angrois. Ao longo duns 290 metros de lonxitude cambiaranse as actuais canalizacións de fibrocemento por outras de fundición do mesmo diámetro, 80 milímetros.

O custo desta actuación é de 28.845 euros e o prazo de execución dunhas tres semanas. Esta é a segunda das obras deste tipo realizada neste barrio, tras a acometida na travesía de Angrois.

A edil aproveitou a rolda de prensa para recordar que na actualidade hai 97 quilómetros de canalizacións de fibrocemento. A intención do Concello é ir substituíndoas "pouco a pouco", priorizando as máis deterioradas.

Intervención sociocomunitaria
Por outra parte, a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, deu conta doutros asuntos, como o inicio do procedemento de contratación do servizo de implementación do Programa Municipal de Intervención Sociocomunitaria. Para esta iniciativa, o Concello conta cunha subvención da Deputación da Coruña por importe de 45.000 euros.

Paula Prado indicou que este programa permitirá realizar, de xuño a outubro, un traballo coordinado de intervención sociocomunitaria, dirixido especialmente aos colectivos máis vulnerables, como poden ser mozos, inmigrantes ou persoas mayores. Trátase de "coñecer as entidades de cada entorno, intervir nos factores de risco social e crear redes sociais de intervención, implicando á sociedade na prevención e na solución de conflitos, tendo sempre en conta a especificidade de cada barrio".

Lembrou que o segundo nivel de atención no que se estrutura a Concellería de Familia e Benestar Social, territorializado, ten asignadas dúas traballadoras sociais por punto de atención. Así, estase a reforzar o traballo sociocomunitario, estendéndoo, ademais de a Fontiñas (onde se realizaba ata agora) a Vite, Conxo, Pontepedriña e zonas rurais.

Novo mobiliario
A Xunta de Goberno deu o visto bo a dúas compras de mobiliario e material, incluídas no marca dunha mesma subvención da Deputación da Coruña. A primeira adquisición será de cinco fotocopiadoras, por un importe de 12.833 euros), para a rede de centros socioculturais, e de mobiliario para o centro sociocultural de Casas Novas, por 1.078 euros. A outra compra é para a Escola Municipal de Música e consiste nunha pantalla de proxección e mobiliario vario, por un importe de 11.086 euros.

Protocolo
Finalmente, aprobouse o nomeamento como asesora, asignada ao Departamento de Protocolo, de Mª Esther Regueiro Fernández (Adxúntase curriculum). Esta ocupa a praza de asesora que deixou Mar Hinojosa Izquierdo, quen xa asumiu a dirección da Área de Mobilidade e Seguridade Cidadá.

Paula Prado explicou que esta incorporación "non supón ningunha variación respecto á redución do 30% que realizou este Goberno no gasto en asesores". Ademais, referiuse ao caso da directora da Área de Mobilidade para resaltar o seu traballo de coordinación, que permitiu que "nos últimos seis meses se aforraran 200.000 euros en horas extras da Policía Local".

Compartir: