CONCELLO

O Concello celebra a Xornada de portas abertas

19/04/2006 O pazo de Raxoi, sede da Administración local, celebra ao longo do xoves día 20 de abril unha xornada de portas abertas a todos os cidadáns e turistas que queiran coñecer as súas dependencias. Con esta xornada preténdese achegar a Administración Local aos cidadáns, e que poidan coñecer de primeira mao o seu funcionamento. A entrada ao Concello é libre, en horario de 10.00 a 19.00 horas. Aínda que se entregará un folleto explicativo da historia do pazo de Raxoi, haberá un monitor pola mañá e outra pola tarde para guiar a aqueles que queiran saber máis.

Escolares de primaria dos colexio de Roxos-Villestro e da Compañía de María achegaranse á Casa do Concello con motivo da xornada de portas abertas prevista para mañá xoves, 20 de abril, coa que se conmemora o XXVII aniversario da constitución das corporacións democráticas.

Durante a visita, que ten un carácter didáctico, os rapaces serán os protagonistas dun pleno, que dará comezo ás 10.15 da mañá, cunha orde do día preparada por eles mesmos para a ocasión. Neste pleno "extraordinario" estará tamén o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que amosará ao "alcalde en funcións" como presidir este órgano, que é o de máxima representación política da cidadanía dentro do goberno municipal.

Direccións relacionadas



Compartir: