MEDIO RURAL

O Goberno local aproba o convenio coa Xunta para realizar labores de prevención contra o lume nos montes do municipio

02/05/2012 A Xunta de Goberno, nunha sesión extraordinaria, aprobou o convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar para a realización de labores preventivos nos montes do municipio, por importe de 23.297 euros.

O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, dera conta nunha rolda de prensa deste convenio, que permitirá ao Concello acometer labores de limpeza e prevención. Paralelamente, a Administración autonómica acometerá outros traballos nesta materia, aos que destinará 42.621 euros a continuar labores neste campo xa iniciadas. Isto complementarase cos traballos que dende a Concellería de Medio Rural se realizaran en materia de desbroce e limpeza de cunetas en pistas asfaltadas.

Luis Bello explicara que xa nos últimos meses se viñera colaborando estreitamente coa Consellería, o que se traduciu "en labores de limpeza e desbroce dos montes do noso termo municipal coa maquinaria propia do Distrito III dependente da Dirección Xeral de Montes". Estes traballos realizáronse nas zonas declaradas pola Xunta de Galicia como Obxectivo I ou de alto risco de incendios. Así, indicou que se actuou na faldra do Pedroso, en Figueiras, en Brins, na parte do monte Pedroso que discorre por Pardaces e na zona do Romaño castigada polos incendios de 2006. Tamén se limpou a zona do Monte de Deus ata os Vilares e cara o depósito da auga, en Santa Cristina de Fecha e en San Xoán de Fecha ata o lugar de Vilar do Rei.

"Estes labores consistiron nunha longa e meticulosa limpeza e desbroce dunha superficie a ambos lados das pistas de cando menos 5 metros a cada lado, para que, en caso de incendio, sexa máis difícil a propagación dun lado a outro e así tamén facilitar o traballo das brigadas de extinción", apuntou o edil.

Compartir: