TURISMO

A revista 'En Compostela' dedica o seu número de 2006 ao turismo 'sen présas'

19/04/2006 O concelleiro de Turismo da cidade, Francisco Candela, presentou o cuarto número da revista anual ‘En Compostela’ e unha guía cultural anual que se distribuirá a axentes de viaxe, hoteis e oficinas de turismo.

Tralo éxito dos números publicados desde 2003, que deberon ser reeditados en varias ocasións, Turismo de Santiago saca á rúa os 25 mil exemplares da terceira revista ‘En Compostela’, que conta con 92 páxinas impresas a toda cor e con textos en castelán e inglés.

A publicación está dirixida, en xeral, aos viaxeiros que xa se atopan en Santiago, porque se distribúe entre os hoteis da cidade para que a poñan gratuitamente á disposición dos seus clientes. Por outra parte, a través das oficinas de turismo españolas do exterior, chegará a consumidores potenciais no seu lugar de orixe, a profesionais do turismo e a medios de comunicación deses países emisores.

Baixo o título de ’Santiago, a cidade sen présas’, a publicación convértese nunha verdadeira guía para sentirse a gusto en Santiago. Os contidos da revista apelan aos visitantes que buscan aproveitar ao máximo as súas posibilidades de lecer diúrno e nocturno, en parella ou con nenos, dentro e fora do casco histórico; e subminístranlles, ademais dunha amena lectura, os datos concretos para concertar visitas, buscar restaurantes, elixir un bar polo seu ambiente, visitar os espazos da arte contemporánea ou acercarse a outros puntos de Galicia.

Compartir: