EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música realiza un novo concerto didáctico e outro de apertura da Feira do Libro da Alameda

26/04/2012 Continúa a programación do último trimestre do curso da Escola Municipal de Música. Para o venres 27 está previsto un novo concerto didáctico e un monográfico sobre Satie e, para o domingo 29 de abril, un concerto especial na apertura da Feira do Libro.

O Colexio Compañía de María acollerá o venres 27, ás 10:00 e ás 10:45 horas duas novas sesións do 2º Ciclo de concertos didácticos nos centros de educación infantil e primaria de Santiago, organizados pola Concellería de Educación a través da Escola Municipal de Música (EMMSC). Un cuarteto da Escola e a narradora, cantante e actriz, Mónica de Nut, desenvolverán a actividade. A sesión consistirá nunha narración dun conto musical no que se vai enfiando a presenza de diferentes instrumentos, en solitario e en conxunto.

Nesta mesma xornada, ás 19:30 horas, no Casino de Santiago, monográfico de E. Satie a cargo do alumnado da especialidade instrumental de Piano da EMMSC. Dentro do repertorio do compositor francés (1866 – 1925), interpretaranse distintas pezas para nenos como Pecadiños inoportunos, Rapazadas pintorescas e as famosas Gymnopedias. Tamén figuran no programa Gnosiennes, música a catro mans como 3 pezas en forma de pera e os Valses do preciosista delicado.

A fin de semana musical complétase o domingo 29 de abril cun concerto no marco da inauguración da Feira do Libro na Alameda, no marco do ciclo de concertos Música nas prazas. A banda da Escola subirase ao palco da música para esta actuación, que comezará ás 13:00 horas.

Por outra parte, dende a Escola Municipal de Música lémbrase que ten aberto o período de preinscrición de novo alumnado para o vindeiro curso, ata o 16 de maio. Máis información:

Escola Municipal de Música
R/Betanzos, 55 - A Almáciga
Telf/ fax: 981528701
www.esmucompostela.es

Compartir: