MEDIO RURAL

Concello e Xunta acometerán labores de prevención do lume nos montes do municipio

26/04/2012 O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, anunciou a próxima sinatura dun convenio entre o Concello e a Xunta para a realización de labores de prevención nos montes do municipio. Paralelamente, a Administración autonómica acometerá outros traballos nesta materia. En total, o investimento alcanzará os 65.918 euros.

O convenio entre o Concello e a Consellería de Medio Rural e do Mar, a través da Dirección Xeral de Montes, por importe de 23.297 euros, permitirá ao Concello acometer labores de limpeza e prevención. Ao mesmo tempo, a Consellería destinará 42.621 euros a continuar labores neste campo xa iniciadas. Isto complementarase cos traballos que dende a Concellería de Medio Rural se realizaran en materia de desbroce e limpeza de cunetas en pistas asfaltadas.

Luis Bello explicou que xa nos últimos meses se viña colaborando estreitamente coa Consellería, o que se traduciu "en labores de limpeza e desbroce dos montes do noso termo municipal coa maquinaria propia do Distrito III dependente da Dirección Xeral de Montes". Estes traballos realizáronse nas zonas declaradas pola Xunta de Galicia como Obxectivo I ou de alto risco de incendios. Así, indicou que se actuou na faldra do Pedroso, en Figueiras, en Brins, na parte do monte Pedroso que discorre por Pardaces e na zona do Romaño castigada polos incendios de 2006. Tamén se limpou a zona do Monte de Deus ata os Vilares e cara o depósito da auga, en Santa Cristina de Fecha e en San Xoán de Fecha ata o lugar de Vilar do Rei.

"Estes labores consistiron nunha longa e meticulosa limpeza e desbroce dunha superficie a ambos lados das pistas de cando menos 5 metros a cada lado, para que, en caso de incendio, sexa máis difícil a propagación dun lado a outro e así tamén facilitar o traballo das brigadas de extinción", apuntou o edil.

Angrois
Bello aproveitou a rolda de prensa para informar da marcha dos traballos de substitución de canalizacións de auga que se están desenvolvendo en Angrois. Indicou que "os labores se están ralentizando un pouco, xa que se están localizando as acometidas individuais, as cales teñen máis ou menos 28 anos, para proceder á súa conexión sen ningún custo engadido".

Recordou que, rematados estes traballos, realizarase a reposición do firme, conservando a zona de formigón entre vivendas, limpando as cunetas e rebacheando a pista, para logo darlle un dobre tratamento asfáltico. Esta actuación afectará ao tramo comprendido entre o formigón existente ata a estrada que vai dende Sar a Aríns, duns 500 metros. Investiranse 9.381 euros nesta obra.

Documentos relacionados



Compartir: