ALCALDÍA

O alcalde recibiu en Raxoi ao Nobel de Química Ei-ichi Negishi

26/04/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu en Raxoi ao Premio Nobel de Química 2010, Ei-ichi Negishi, quen está en Santiago participando nunha nova edición do Programa ConCiencia.

O Nobel de Química en 2010, o xaponés afincado en Estados Unidos Ei-ichi Negishi, visita estes días Compostela para participar no Programa ConCiencia que, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago e nesta ocasión en colaboración coa Cidade da Cultura de Galicia, chega á súa sétima edición convertido na acción de divulgación científica de máis impacto social de Galicia.

Para a xornada da tarde, ás 20:00 horas, está previsto o acto central do seu programa en Compostela, unha conferencia pública titulada Catálise para un mundo próspero e sostible, que terá lugar na Cidade da Cultura. Existe unha liña regular de autobuses ao Monte Gaiás para todos aqueles que queiran asistir a esta charla.

Negishi
Ei-ichi Negishi (Xapón, 1935), da Universidade estadounidense de Purdue, acadou en 2010 o Nobel de Química por conseguir axustes cruzados catalizados por paladio en síntese orgánica, o que permitiu o establecemento dunha nova arquitectura molecular, máis complexa, que mellorou moitos aspectos da vida, dende a agricultura á medicina.

A maioría das moléculas que forman os sistemas vivos na Terra están compostas por cadeas de átomos de carbono dispostas en diferentes formas. Na busca de novos métodos para construír enlaces entre eses átomos Negishi, un dos químicos orgánicos máis extensivamente citados, descubriu novas reaccións usando paladio e outros metais como catalizadores (elementos que fan que unha reacción química sexa posible ou se realice máis rápido). Estas reaccións melloraron dun xeito asombroso tanto o potencial como a eficiencia da química orgánica sintética e contribuíron substancialmente a posibilitar a construción de moléculas máis complexas.

Compartir: