BENESTAR SOCIAL

Charla en Vite sobre recursos e prestacións no eido dos servizos sociais

26/04/2012 Celebrouse no Centro Sociocultural José Saramago de Vite a segunda das charlas do ciclo "O profesional responde". Foi impartida polo Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS e levou como título Recursos e prestacións no eido dos Servizos Sociais.

Este coloquio centrouse en achegar á cidadanía información sobre os recursos e servizos que existen no eido social a nivel local, autonómico e estatal, e sobre a forma de ter acceso aos mesmos.

A xornada estaba enmarcada dentro do programa de conferencias que se organiza conxuntamente o Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte e o Centro Sociocultural de Vite. A finalidade desta formación é conducir cara unha maior información e formación das persoas sobre cuestións básicas do seu interese, incrementando as súas destrezas e competencias para afrontar cuestións da súa vida cotiá, así como promover actividades de participación cidadá, nas que participe a propia veciñanza tanto no referente a demanda de temas a tratar como no desenvolvemento das propias xornadas.

A valoración desta iniciativa polos/as máis de 35 participantes foi moi satisfactoria. De aí que se estean xa preparando novas xornadas para os vindeiros meses.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: