DEPORTES

Oitava edición da andaina de 50 km polos camiños de Santiago de Compostela

24/04/2012 O sábado 5 de maio celebrase a oitava edición da Andaina de 50 km de Santiago de Compostela, organizada polo Club Deportivo Fontiñas. O Concello colabora con esta camiñada, que partirá da praza do Obradoiro.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, encadrou esta andaina no pulo que o seu Departamento quere dar a esta práctica, e que se concretará en varias iniciativas a partir de setembro. Ademais, anunciou cursos de iniciación á escalada en maio e xuño e a posta en marcha do rocódromo do pavillón de Fontiñas. O Club Deportivo Fontiñas terá un uso preferente do mesmo en virtude dun convenio que se asinará en breve entre esta entidade e o Concello.

Acompañou a Adrián Varela na presentación desta andaina o presidente do Club, Mariano Val, quen destacou a consolidación desta proba, "a única que se celebra nunha gran cidade de Galicia". O responsable de montañismo na entidade, Javier Laíño, foi o encargado de explicar os detalles técnicos da andaina, que discorrerá polo termo municipal de Santiago e se desenvolverá en dous bucles. O primeiro, cara o norte, buscará o río Tambre no lugar de Ponte Albar. O outro, cara o sur, por Vidán, A Rocha ou O Viso, ata rematar no Polideportivo Rosalía de Castro.

Ata o momento, a proba conta xa con 110 inscritos e a organización confía en chegar aos 250. Na edición de 2011, foron 105 participantes, do total de 208, os que finalizaron o percorrido, que se fai en aproximadamente dez horas. Laíño lembrou que hai varios puntos de control e avituallamento, no que os que o desexen poden abandonar a camiñada. Nestes puntos repartirase comida e bebida aos participantes.

Esta Andaina forma parte da Copa Galega 2012, que comprende nove probas. Aquelas persoas que completen catro destas camiñadas reciben un trofeo da Federación Galega de Montañismo.

O prezo da inscrición na Andaina é de 11 euros para os federados e de 14 euros para os non federados. Os interesados poden obter máis información en:

Club Deportivo Fontiñas (rúa Varsovia, 4C-4ºC - Área Central)
Teléfono e Fax: (+34) 981 577 928
E-mail: cdfonti@mundo-r.com
Web: www.madsantiago.com/cdf/

Documentos relacionados



Compartir: