TURISMO

As pernoctacións de marzo aumentaro nun 42% sobre o mesmo mes de 2003

07/04/2006 A ocupación dos hoteis composteláns en marzo de 2006 supera amplamente á de 2003, o último ano turisticamente ‘normal’ que permite comparacións, pois en 2005 produciuse a Semana Santa e 2004 foi Ano Xacobeo.

De acordo cos datos presentados por Turismo de Santiago-Incolsa, o pasado mes de marzo os estabelecementos hoteleiros de tres a cinco estrelas da cidade rexistraron 12.540 noites de aloxamento máis que en marzo do 2003.

Para o concelleiro compostelán de Turismo, Francisco Candela, a porcentaxe de ocupación media de marzo de 2006 (un 35,88% segundo a Asociación de Empresarios de Hostalería) non pode compararse cientificamente nin con a de marzo de 2005 nin con a de marzo do 2004, por concorrer en ambos casos dúas circunstancias excepcionais: a Semana Santa e o Ano Xubilar, respectivamente.

O último ano ‘normal’ sería o de 2003, cando a Asociación de Hostalería rexistrou unha media de ocupación do 33,7%, dous puntos por debaixo da actual. A diferencia a favor de 2006 subiría a tres puntos se se homoxeinizan os datos: dado que en 2003 a Asociación de Hostalería só recollía estatísticas das tres categorías de aloxamento máis altas, a comparación debe referirse só a hoteis de cinco, catro e tres estrelas, que arroxan unha media de ocupación do 36,36% en marzo de 2006.

‘Ademais, a media de ocupación creceu malia a existencia de case mil prazas hoteleiras de diferencia entre 2003 e 2006’, destacou Candela. ‘Non é o mesmo encher o 33,7% dun total de 2.764 prazas, que encher o 36,36% das 3.742 existentes actualmente nas categorías de tres, catro e cinco estrelas’.

A estes efectos, o concelleiro de Turismo ofrece os datos de pernoctacións, que son sempre absolutos. Estes indican un total de 29.640 noites de aloxamento nos hoteis composteláns de 3, 4 e 5 estrelas en marzo de 2003 (non hai datos para 1 e 2 estrelas), cifra que en 2006 se elevou ata as 42.180 noites.

A diferencia de 12.540 noites representa un crecemento do 42,3% sobre marzo de 2003, e non queda lonxe das 44.397 noites de aloxamento rexistradas en marzo de 2005, cifra que inclúe a Semana Santa dese ano.

Finalmente, Turismo de Santiago estimou para o aeroporto de Lavacolla un tráfico duns 150 mil pasaxeiros este pasado mes. Desta maneira, Lavacolla acumula uns 400.000 viaxeiros en só tres meses de 2006 e mantén un crecemento medio do 7,5% sobre o ano pasado.

Compartir: