DEPORTES

O X Duatlón Cidade de Santiago reunirá en San Lázaro algúns dos mellores especialistas galegos nesta disciplina

13/04/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o X Duatlón Concello de Santiago, que se celebrará o 14 de abril en colaboración co club Triatlón Arcade Inforhouse. Algúns dos mellores especialistas galegos desta disciplina, que combina carreira a pé e en bicicleta, competirán nun circuíto nas inmediacións do Estadio de San Lázaro.

Adrián Varela convidou os composteláns a presenciar esta proba, na que participarán uns 200 deportistas. O Duatlón Cidade de Santiago é a terceira proba clasificatoria do campionato galego da especialidade e, tal como indicou o presidente do Triatlón Arcade Inforhouse, Jesús Barcala, é a e que máis participación rexistra no calendario autonómico.

A proba celebrarase a partir das 16:30 horas, cando se iniciará a proba feminina. Quince minutos despois sairán os homes que non contan con limitación de tempo e, ás 18:15, celebrarase a proba de elite. Os participantes nesta deberán percorrer 5 km a pé nas inmediacións do Estadio de San Lázaro e logo 20 en bicicleta dando tres voltas a un circuíto que irá ata o Monte do Gozo. Finalmente terán que realizar outros 2,5 km a pé.

O concelleiro aproveitou a rolda de prensa para recoñecer as "limitacións" coas que adestran os triatletas e reiterou o compromiso de executar unha terceira instalación acuática na cidade. Ademais, agradeceu o labor dos patrocinadores do club, Arcade e Inforhouse, especialmente salientable no actual contexto económico.

Finalmente, reiterou o convite a presenciar a proba, malia a previsible climatoloxía adversa, e recordou os éxitos que este deporte ten logrado a nivel galego, español e internacional, con deportistas como Javier Gómez Noya, Iván Raña ou Antón Ruanova, estes dous últimos precisamente integrantes do club compostelán.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: