ALCALDÍA

A Corporación acudíu á súa tradicional cita co Día de Santiago en Padrón

09/04/2012 A Corporación compostelá desprazouse un ano máis á vila de Padrón para celebrar o Día de Santiago nas Festas de Pascua. O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, encabezou a expedición. Desta vez, os concelleiros desprazáronse ata o lugar de celebración nun autobús de época.

A delegación compostelá foi recibida polo alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira, e polo resto da Corporación da vila veciña. Despois do protocolario intercambio de bastóns, os dous rexedores municipais recordaron na Casa do Concello padronesa os tradicionais lazos que unen as dúas localidades. Xerardo Conde Roa lembrou que el é padronés de nacemento e expresou a súa sensibilidade cara as demandas da vila. Logo das intervencións, as Corporacións saíron aos balcóns para saudar os veciños e escoitar as interpretacións das bandas municipais de Santiago e de Padrón.

A tradicional irmandade sentimental, histórica e cultural entre Santiago e Padrón afírmase tamén cada ano no Día de Padrón que cada ano se celebra no marco das Festas do Apóstolo. Estes dous días son sempre un bo motivo para reafirmar os lazos entre as dúas vilas, que se estenden tamén a ámbitos coma o turismo ou o medio ambiente.

Compartir: