XUNTA DE GOBERNO

Ábrese o prazo de reserva de praza e matrícula na Escola Municipal de Música para o curso 2012-2013

09/04/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a apertura do prazo de reserva de prazas na Escola Municipal de Música para o curso 2012-2013. Ademais, deuse conta da sinatura dos convenios coas diversas entidades sociais correspondentes a 2011.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, a Escola Municipal de Música pon a disposición das familias compostelás 300 prazas, repartidas nos seus tres niveis e nunha ampla variedade de instrumentos. Para o alumnado actual do centro, o prazo de reserva de praza e matrícula estará aberto do 10 ao 20 de abril. O 30 de abril exporase a lista de vacantes en primeira convocatoria.

Os novos alumnos poderán realizar a súa preinscrición entre o 2 e o 16 de maio. No caso de haber máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo público. O 23 de maio publicarase a lista provisional de admitidos e, rematado o período de reclamacións, exporase a lista definitiva o 6 de xuño. A matrícula efectuarase entre o 7 de xuño e o 6 de xullo.

Se aínda existisen vacantes, publicaranse as dispoñibles o 19 de xullo, abrindo unha segunda convocatoria na que o período de preinscrición estará fixado entre o 3 e o 7 de setembro. Neste caso, as listas provisionais de admitidos publicaranse o 12 de setembro e as definitiva o 24 do mesmo mes. O prazo de matrícula nesta segunda convocatoria será do 24 ao 28 de setembro.

Restos arqueolóxicos
En materia de licenzas, Paula Prado destacou a concedida para a rehabilitación, ampliación e apertura dun restaurante dun garfo no número 31 da rúa do Franco. Este establecemento permitirá contemplar os restos arqueolóxicos descubertos recentemente neste espazo, que datan dos séculos X d XI. Trátase de nove fosos ou silos e dun pozo, ademais de dous arcos, un dos cales -de medio punto con dúas caras- se atopa perfectamente conservado.

Convenios con entidades sociais
Finalmente, no eido de Benestar Social, deuse conta da sinatura de diversos convenios durante 2011. As entidades beneficiarias son: Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer (AGADEA), 3.065 euros; Asociación Fonte da Virxe de Familiares dos Enfermos Mentais, 3.145 euros; Asociación de Pais de Persoas con Trastornos de Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES), 2.635 euros; Asociación Síndrome de Down Compostela, 2.705 euros; Asociación Centro Cultural-Xoán XXIII, 17.177 euros; Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, 7.225 euros; Asociación de Pais de persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS), 2.299 euros; Universidade de Santiago de Compostela (Programa Ruptura de Parella), 25.500 euros; Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), 2.705 euros; Fundación Secretariado Xitano, 19.700 euros; Cociña Económica de Santiago de Compostela, 20.208 euros; Asociación Voluntarias da Caridade de San Vicente de Paúl, 3.660 euros; Cáritas Diocesana de Santiago (Programa de Atención Primaria), 35.000 euros; Cruz Vermella, 11.000 euros; Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, 20.825 euros; Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, 4.250 euros; e Cáritas Diocesana de Santiago (Programa Vagalume), 17.000 euros.

A edil anunciou que a cantidade destinada a entidades sociais será dobrará nos orzamentos de 2012 respecto ao exercicio precedente.

Compartir: