FACENDA

A concelleira de Facenda reitera que o plan de axuste era "obrigatorio" e que conta con todos os informes técnicos favorables

04/04/2012 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, reiterou en rolda de prensa que o plan de axuste é "obrigatorio para todos os concellos que non son capaces de pagar o que se lles debía aos provedores a 31 de decembro 2011" e que, polo tanto, remitiron a certificación de obrigas pendentes de pago a esa data ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, tal como marca o Real Decreto Lei 4/2012. É consciente de que o crédito, a pagar no período 2012-2020 será "gravoso" para o Concello, pero considerouno "necesario".

Cecilia Sierra tamén negou as acusacións de fraude de lei sobre a presentación deste plan de axuste e recordou que "conta con todos os informes técnicos favorables". Por iso, anunciou que se encargará á asesoría xurídica do Concello un informe por se esta acusación puidera supor "un posible delito de inxurias e calumnias a funcionarios municipais".

Dito isto, a edil volveu lembra as cifras que, segundo dixo, levaron á situación actual. Así, indicou que a 1 de xullo de 2011, a cifra pendente de pago era de 24 millóns de euros, existindo 4 millóns de euros de fondos líquidos, que "nin chegaban para pagar dúas nóminas aos empregados municipais". Nesta data, o período medio de pago a grandes provedores era de 10 a 11 meses e, a pequenos provedores, de 6 a 7 meses.

Ata o 31 de decembro de 2011, os pagos realizados foron de 24,5 millóns de euros. Neste momento, informou, os fondos líquidos eran de 10,5 millóns de euros e o período de pago reducírase nos grandes provedores ata 7 meses e a pequenos ata 3.

Das facturas remitidas conforme ao Real Decreto, dos 10,5 millóns de obrigas certificadas, a edil afirmou que 2,1 millóns (un 20%) correspondían ao anterior Goberno. Das facturas devoltas, por importe de 3 millóns, 2,8 (un 94%) pertencían ao anterior mandato, explicou. A estas engadiu 2,6 millóns de facturas certificadas polos organismos municipais, isto é, Auditorio de Galicia e Emuvissa.

Fondos líquidos
Volvendo ao tema dos fondos líquidos, a concelleira subliñou que os existentes a 31 de decembro, 10,5 millóns de euros, "obedecen a criterios estritos de tesourería para facer fronte aos principais pagos do primeiro trimestre do ano, que soen ser de escaseza de ingresos". Entre estes pagos citou as nóminas e seguros sociais, o pago de amortizacións e intereses de capital, o pago de subvencións do ano anterior, o pago de certificacións do exercicio precedente, o pago de servizos básicos e os pagos imprevistos do primeiro trimestre.

Cecilia Sierra tamén quixo aclarar de novo que no plan de axuste "pártese da liquidación de 2011", perfilando medidas de aforro por 2 millóns de euros. Indicou que esta liquidación deixará un remanente negativo de 1,5 millóns de euros.

Persoal
A propósito deste plan de axuste, compareceu tamén a concelleira de Persoal, Amelia González, para lembrar que este ofrece "cifras globais" e que "aínda non hai cifras concretas, que están pendentes de negociar cos sindicatos". Indicou que "o alcalde mantén reunións todos os meses coa xunta de persoal e co comité de empresa", nas que "se está falando de todas as cuestións económicas que afectan aos traballadores". Insistiu en que "todos os sindicatos están convidados a participar nestas reunións".

A edil explicou que os convenios reguladores poden ser modificados en virtude do artigo 38.10 do Estatuto Básico do Empregado Público: "Garántese o cumprimento dos pactos e acordos, salvo cando excepcionalmente e por causa grave de interese público derivada dunha alteración substancial das circunstancias económicas, os órganos de goberno das Administracións Públicas suspendan ou modifiquen o cumprimento de pactos e acordos xa firmados, na medida estritamente necesaria para salvagardar o interese público".

"É o noso interese respectar os acordos, pero estamos nunha situación crítica", apuntou Amelia González, apelando a este respecto ás "condicións excepcionais dos traballadores do Concello de Santiago". Recordou que, de acordo a estas circunstancias económicas, "tamén os concelleiros imos baixar os nosos salarios", algo que, recalcou, non sucederá cos empregados municipais, aos que "non se lles vai tocar o salario", pero que "hai outros complementos que haberá que tocar dalgunha forma". "A maioría dos sindicatos entenden do que estamos falando e están facendo as súas achegas", concluíu.

Compartir: