COMERCIO

A artesá Ana Serra deseñará a figura conmemorativa dos Premios do Comercio

03/04/2012 Os gañadores dos Premios de Comercio deste ano recibirán unha figura conmemorativa deseñada por Ana Serra García, de Medialúa, gañadora do concurso dirixido aos artesáns composteláns adheridos á marca Artesanía de Galicia, con motivo dos Premios do Comercio. O Xurado que elixiu a figura gañadora estivo formado por representantes do Concello, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e das asociacións comerciais.

Os Premios do Comercio deste ano introducen importantes cambios con respecto das edicións anteriores. En anos pasados recoñecíase a algúns comercios simplemente pola súa lonxevidade. Neste ano, e dado que a vida dun comercio ten diferentes dimensións, establécense seis categorías que pretenden recoñecer o traballo dos comerciantes en diferentes ámbitos. As categorías son:

- Comercio de Barrio: terase en conta aqueles comercios que destaquen pola súa proximidade nos barrios e por prestar ese valor engadido de proximidade e trato personalizado nas compras do día a día.

- Comercio Agarimo: premiarase ao comercio que sobresaia pola súa esmerada atención ao cliente e servizo post-venta.

- Comercio 2.0: valorarase a incorporación das novas tecnoloxías tanto no seu funcionamento diario coma na relación cos clientes (uso do comercio electrónico, redes sociais, sinatura electrónica, factura electrónica ou calquera outra medida de innovación empregada no ámbito comercial).

- Comercio Innovación: recoñeceranse as innovacións aplicadas polos comercios nos seus respectivos sectores, tanto a nivel da calidade visual dos estabelecementos coma polos produtos ofertados.

- Comercio Emprega: valorarase a capacidade de xeración de empregos directos así como a procura da conciliación familiar e laboral dentro do pequeno comercio.

- Comercio Veterano: recoñecerase a labor deses pequenos comercios familiares que desenvolven o seu labor dende fai anos demostrando a súa capacidade de permanencia e adaptación os novos tempos.

Os gañadores dos premios de Comercio de Barrio e Comercio Agarimo elixiranse mediante votación popular a través de Internet, na páxina municipal www.maiscompostela.org. Os outros catros serán elixidos por un xurado composto por representantes do Concello, as Asociacións Comerciais, a Cámara de Comercio, a Asociación de Consumidores e o Mercado de Abastos.

A figura conmemorativa entregarase nunha recepción que terá lugar o 19 de abril no Concello aos gañadores dos Premios do Comercio. O prazo para presentar as candidaturas remata o 9 de abril. As candidaturas poden ser presentadas por comercios e asociacións e, no caso do Comercio de Barrio e do Comercio Agarimo, tamén por calquera persoa.

Compartir: