XUNTA DE GOBERNO

Outorgada a licenza de apertura a unha nova superficie comercial que creará 20 empregos

02/04/2012 A Xunta de Goberno aprobou na súa sesión ordinaria a concesión da licenza de apertura a un novo supermercado de alimentación. Ademais, deuse o visto boa o gasto do programa de conciliación familiar de Semana Santa, xa iniciado nesta xornada.

A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, explicou que o novo supermercado Mercadona situarase nunha parcela do Parque Empresarial Costa Vella – A Sionlla. Disporá de planta baixa, primeira e soto, cun estacionamento para 181 vehículos. Segundo anunciou a edil, a empresa creará 20 novos postos de traballo.

O Concello está traballando para que a intermediación laboral para a cobertura desas prazas poida realizarse a través da Axencia Local de Colocación, co obxectivo de que os postos sean ocupados por desempregados de Santiago. A previsión é que esta supreficie comercial abra a mediados de 2013.

Programa de conciliación en Semana Santa
Por outra parte, o Goberno local aprobou o Programa Municipal de Conciliación Familiar para a Semana Santa 2012. O obxectivo deste programa é facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e darlles aos nenos unha alternativa de leer e tempo libre desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia. Intercalaranse actividades lúdicas, deportivas, xogos e obradoiros. Inclúe actividades fóra dos colexios nos que se desenvolverán as actividades, que nesta ocasión serán o CEIP Raíña Fabiola e o CEIP Monte dos Postes. O custo do programa, que xa comezou nesta xornada de luns, é de 4.206 euros.

Plan de axuste
Acompañou a Paula Prado na rolda de prensa a concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, para responder ás preguntas sobre o plan de axuste aprobado polo Pleno o venres 30 de marzo. Reiterou que sen a solicitude do crédito de 15 millóns de euros sería "imposible" afrontar os pagos pendentes a provedores. Neste sentido, indicou que, malia a existir a 31 de decembro 10,8 millóns de euros en tesourería, con estes hourbo que pagar unha nómina (2,5 millóns), o gasto xeral mensual (5,5 millóns) e as amortizacións e liquidacións da débeda, co que "os fondos líquidos se reducirían a uns 2 millóns de euros, tendo en conta ademais que febreiro é un mes non que non hai ingresos". Fronte a esta situación a 31 de decembro, lembrou que a 1 de xullo, os fondos líquidos eran de 4 millóns de euros, e a débeda contabilizada ou pendente de contabilizar de 23,3 millóns de euros.

Apuntou tamén que o resultado orzamentario do exercicio 2011 estimado polo Goberno municipal deixará un remanente negativo de 1,5 millóns de euros, que serán 700.000 euros no resultado consolidado (incluíndo os organismos autónomos e empresas municipais).

Tamén se referiu a este tema o alcalde tras o seu encontro co embaixador de Uruguai, Carlos Pita: "O axuste fíxose antes, cando se gastou por riba das posibilidades do Concello, cando se despilfarrou, cando moitos recursos públicos se dilapidaron. agora unicamente o que facemos é poñer negro sobre branco. So estamos poñendo un pouco de orde".

Compartir: