ALCALDÍA

O Concello de Santiago colaborará con Uruguai na busca de oportunidades de negocio para empresas galegas neste país

02/04/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, reuniuse en Raxoi co embaixador de Uruguai, Carlos Pita. No encontro falaron das oportunidades de negocio que o país americano, nunha situación de crecemento económico, ofrece a empresas galegas.

Conde Roa lembrou os vínculos de Galicia e Uruguai, "patria de acollida para moitos galegos que no seu día emigraron na busca dunha mellor fortuna, un país ao que lle debemos moito os galegos e que agora temos que mirar con admiración". Así, o alcalde falou dun país que, na actualidade, "ten unha situación económica especialmente esplendorosa, cun crecemento formidable". Por iso, afirmou que "Uruguai pode ser un lugar de refuxio de empresas galegas para desenvolver proxectos alí. Animarémolas e oxalá poidamos seguir colaborando no futuro".

A esta posible colaboración económica se referiu tamén o embaixador uruguaio, Carlos Pita, quen apuntou que no seu país "hai sectores que teñen potencialidade, pero carecen dos recursos humanos e da cultura empresarial que ten Galicia". Neste sentido, referiuse ás posibilidades de colaboración con Galicia nos sectores naval e eólico.

Documentos relacionados



Compartir: