CULTURA

Compostela presenta no Museo de Arte Contemporánea de Niteroi as actividades coas que participará no evento

07/04/2006 O concelleiro de Cultura de Compostela, Néstor Rego, presentou, xunto ao Secretario de Cultura de Niteroi, Marcos Gómes e o director do Museo de Arte Contemporánea da cidade, Guillherme Vergara a participación de Compostela no evento "Niteroi: encontro con España".

O lugar elexido para esta presentación foi o Museo de Arte Contemporánea de Niteroi, espectacular obra arquitéctonica do brasileño Oscar Niemeyer e emblema da cidade. Na presentación tamén estivo o fotógrafo Xurxo Lobato, autor da exposición "Galiza, Camiño Celeste" que é, xunto coa actuación da cantante Uxía Senlle, a participación de Compostela no evento.

O secretario de Cultura de Niteroi, Marcos Gómes agradeceu a Compostela que fora unha das primeiras cidades en confirmar a súa asistencia a este encontro. Gómes amosou a súa ledicia de que Galiza participara dun modo tan activo no evento xa que o obxetivo do mesmo é "respectar a diversidade española facendo que todas as nacións teñan a súa representación". Asimesmo, amosouse convencido de que o encontro será "unha troca de culturas e experiencias moi enriquecedora tanto para o Brasil como para a Galiza".

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura de Compostela, Néstor Rego apoiou as palabras de Marcos Gómes comentando que esperan que a participación da Galiza neste encontro sirva para "fomentar a imaxe de que Espanha é un pais plurinacional e plurilingüe no que conviven culturas diferentes co enriquecemento que iso supón".

Rego lembrou os moitos lazos de unión que hai entre Galiza e o Brasil, dende a orixe das linguas de ambos paises ata o nexo que houbo entre ambos pola inmigración. O concelleiro falou tamén do CamiÑo de Santiago que conta cun grande número de seguidores no Brasil. Rego animou aos brasilenhos a coÑecer mellor Compostela, que, en palabras do concelleiro, "non é só a cidade que está ao final do Caminho". Amosouse convencido de que esta exposición e a música de Uxía axudarán a que no Brasil se conheza mellor a cultura galega. Rego asegurou que a isto tamén axudará o resto de actividades que levan desde outras cidades e vilas do pais, tales como as actuacións musicais de Luar na Lubre e Fran Pérez ou diversas exposicóns.

Na presentación estaba tamén o fotógrafo Xurxo Lobato, autor da exposición de fotografías Galiza, Caminho Celeste que se inaugurará o vindeiro sábado, día 7 ás 20.00 horas no Museo do Ingá. Lobato destacou que a exposicón era un traballo creativo de autor que tinha como obxetivo "difundir o territorio de Galiza, a súa creatividade e diversidade cultural". Asegurou que para el era unha honra que o con ello de Compostela elixise a súa exposiciópn para representar "dalgún modo a toda Galiza a través da súa capital". A mostra, que viaxa cedida pola Fundación Caixa Galicia, é unha escolma de 80 fotografías aéreas feitas nos anos 2002 e 2003 e estará en Niteroi ata o vindeiro 11 de xunho.

O evento "Niteroi: encontro con España" inaugurase o venres día 7 ás 19.00 horas no Museo de Arte Contemporánea de Niteroi. A inauguración asistirá o Ministro de Cultura do Brasil, Gilberto Gil, así como a corporación de concello de Niteroi e representantes das 47 cidades do Estado que participan no mesmo. Previamente, ás 13.00 horas, haberá unha recepción na Prefeitura (concello) de Niteroi aos membros das diferentes delegaciõns, ao que asitirá o concelleiro de cultura de Compostela, Néstor Rego. Xa o sábado, ademáis da inauguración da exposición de Xurxo Lobato, ás 17.00 horas abrirase o foro de turismo na estación Cantareira no que Compostela tamén participa. As actuacións de Uxía Senlle serán os vindeiros días 13, 14 e 16 na Universidade Federal Fluminense e no Teatro Municipal de Niteroi.

Compartir: