CONSUMO

O Concello de Santiago celebra o Día Internacional do Consumidor cunha carpa informativa na praza do Toural

14/03/2012 O xoves 15 de decembro celébrase o Día Internacional do Consumidor. Para conmemorar esta xornada instalarase unha carpa informativa na praza do Toural, na que tanto a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) como as diferentes asociacións de consumidores ofrecerán información aos cidadáns sobre todos aqueles instrumentos dos que dispoñen para facer valer os seus dereitos como consumidores.

A concelleira de Sanidade e Consumo, Amelia González, deu conta da instalación desta carpa informativa, que estará aberta dende as 11:00 ás 14:00 horas. Animou os composteláns a achegarse ata este punto informativo, que considerou un bo xeito de achegarse aos consumidores. Non obstante, lembrou que os cidadáns teñen durante todo o ano á súa disposición a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), que "informa, orienta e educa aos consumidores sobre o axeitado uso dos seus dereitos".

A edil recordou que este Día Internacional do Consumidor foi instaurado pola ONU en 1983, en lembranza do discurso pronunciado por John F. Kennedy ante o Congreso dos Estados Unidos o 15 de marzo de 1962. Nesta intervención, o ex presidente norteamericano "considerou por primeira vez os consumidores como elementos fundamentais no proceso produtivo e instou aos Estados a recoñecer os seus dereitos", explicou.

A estes dereitos se referiu tamén o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, indicando que "non hai que perder a perspectiva dos dereitos políticos" e pedindo que "se lexisle sempre tendo en conta os consumidores". Ademais, considerou necesaria a unión para afrontar as "situacións de desequilibrio" que crean as grandes empresas respecto os consumidores.

Precisamente a unha desas situacións, as relacións coa banca e os servizos financeiros, referiuse a representante da Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforros e Seguros de Galicia (Adicae), Eugenia Mariño. En concreto, falou dos abusos que se producen en comisións ou na comercialización de "produtos tóxicos", materias nas que teñen aumentado moito as reclamacións nos últimos tempos.

Completou a rolda de intervencións Julio Eiriz, de Euroconsumo Galicia, quen aínda recoñecendo que "se ten avanzado moito " na defensa dos dereitos dos consumidores, "precisamos máis medios para facer mellor o noso traballo". Malia as dificultades, Miguel López animou os consumidores a acudir á OMIC e ás asociacións de consumidores, onde serán informados das diferentes vías que teñen para facer valer os seus dereitos. Así, referiuse ás posibilidades de mediación como primeira vía, á arbitraxe e ás reclamacións xudiciais como último recurso. Neste último punto, recordou que "as inferiores a 2.000 euros non precisan de avogado nin procurador".

OMIC
En 2011, a OMIC xestionou 1.391 consultas e 321 reclamacións, destacando polo seu número as producidas en campos como a electricidade, a telefonía ou os servizos financeiros. Neste último caso, as reclamacións pasaron a 36, polas 12 rexistradas en 2010, e as consultas foron 73, polas 66 do ano precedente.

Imposto de circulación
A preguntas dos xornalistas, Amelia González, explicou durante a rolda de prensa as causas da remisión errónea dalgúns recibos do imposto de circulación de vehículos. "Produciuse un erro nos datos cruzados dende a Dirección Xeral de Tráfico das altas de 2011, omitindo a coma que separa os decimais dos números enteiros". Indicou que se corrixirá a lectura de datos e se remitirán novamente os recibos correctos aos afectados.

Documentos relacionados



Compartir: