CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede de Bibliotecas do Concello, máis dunha lectura

23/03/2005 A rede de Bibliotecas municipais conta cun fondo de máis 17.000 libros a disposición dos cidadáns. Máis de 2.500 cidadáns son socios desta rede que, ademais da lectura, ofrece outras actividades formativas e de lecer.

Integradas na rede de Centros Socioculturais de Compostela as Bibliotecas municipais son algo máis que un lugar onde se prestan libros, consultar a prensa ou atopar concentración para estudar. Estas bibliotecas, ademais de dispoñer dun amplo fondo bibliográfico que na actualidade conta con 17.000 exemplares, desenvolve tamén actividades de apoio escolar, animación á lectura, clases de idiomas, talleres literarios, partidas de rol, etcétera.

Co nome de "José Saramago", en recoñecemento ao Premio Nobel de Literatura que tamén designa ao centro sociocultural de Vite, a biblioteca distribúe os seus fondos entre os centros de Fontiñas, "Aurelio Aguirre" de Conxo, A Trisca e o recentemente inaugurado do Castiñeiriño. O fondo común pode ser consultado informaticamente en calquera destes centros e no caso de estar na biblioteca doutro centro é reclamado para poñelo a dispor do lector.

"O noso propósito", afirma a concelleira de Centros socioculturais, Mercedes Rosón, é que a rede funcione "como centros de proximidade, que permitan ao cidadán nos seus barrios e entorno próximo poder acceder facilmente aos recursos culturais, libros ou filmes".

Para facilitar aínda máis o acceso aos fondos estase a traballar para que poidan ser consultados a través da páxina web municipal.

Unha rede que conta con máis de 2.500 socios

Na actualidade uns 17.000 libros de todo tipo de xéneros, dos cales entre 7.000 e 8.000 son exemplares diferentes, repártense entre toda a rede, sen contar os cd´s de música ou as películas en dvd que, últimamente "son o que máis éxito ten nos préstamos", segundo informa Francisco Cillero, bibliotecario do centro "José Saramago" de Vite.

Para retirar un libro só e necesario quitar o carné de socio, un sencillo trámite para o que únicamente á necesario facilitar un enderezo e dúas fotografías, como en calquera outra biblioteca. Así o fixeron os máis de 2.500 cidadáns que se levan apuntado a esta ampla rede de bibliotecas.

Fondos actualizados
A exitosa novela de Carlos Ruíz Zafón, "La sombra del viento", "Educar con la inteligencia emocional", de Maurice J. Elías, ou calquera libro da clásica saga xuvenil "Los cinco" de Enid Blyton, son algunhas das últimas novidades incorporadas na biblioteca da rede de centros socioculturais.

Nalgúns centros, como o de Fontiñas, a biblioteca conta con seccións especiais, concretamente a dedicada a sendeirismo e montañismo, froito da colaboración coa sección de Montaña do Club Deportivo Fontiñas. Os encargados das bibliotecas prestan unha especial atención ás novidadades editoriais, o que permite, por exemplo,que o lector poida dispor dalgunhas das últimas novidades como é o caso de "Las montañas de la mente", de Robert MacFarlane sobre o que The Times afirmou que "hai moitos libros sobre montañismo, máis este é un dos mellores e menos convencionais".

Ademais, entre o ano pasado e este, deseñaronse uns atractivos expositores de cómics que, divididos en lotes de 25, rotan polos centros socioculturais. En vista do éxito desta iniciativa, sobre todo entre os rapaces máis novos, estase a ampliar o fondo dos exemplares de banda deseñada, que actualmente son uns 150, e que a mediados deste ano serán uns 300. En relación coa banda deseñada, e para impulsar a lectura deste xénero, o ano pasado puxéronse en marcha talleres e organizáronse charlas nos centros socioculturais da cidade.

Numerosas actividades de dinamización

Bibliopiscina, ludoteca, talleres de animación á lectura, talleres literarios e clases de apoio escolar son outras das actividades complementarias que ofrece a rede de Bibliotecas municipais. A Bibliopiscina é, se cadra, a actividade de dinamización da lectura que xurdiu desta rede na que máis participaron ou da que máis oíron falar os composteláns. Trátase dun servizo de información e préstamo de libros que ofrecen as Bibliotecas durante o verán, fóra dos seus recintos habituais. Os usuarios das piscinas poden así compaxinar a lectura co ocio e o deporte.

Por outra banda, os certames literarios de relato curto e poesía "José Saramago" e Aurelio Aguirre, respectivamente -que se fallarán o vindeiro 30 de marzo deste ano coincidindo coa conmemoración do Banquete de Conxo- contribuíron a dinamizar e promover as bibliotecas nos institutos composteláns e dos arredores do municipio.

Ademais, hai un Club de Lectura que cada mércores se xunta para compartir a súa afección aos libros. A asistencia a estas reunións é libre, se ben preto dunha decena de persoas adoitan acudir á cita. Entre todos fan propostas de lectura, len un título en concreto ou a obra dun autor e logo intercambian pareceres. Moitas veces os membros deste Club teñen o privilexio de poder contar cos escritores dos libros que escollen. Por alí pasaron xa, entre outros, Marilar Aleixandre e Xosé A. Neira Cruz.

Compartir: