EDUCACIÓN

O Premio Compostela de Álbums Ilustrados consolídase como certame de referencia internacional e alcanza a súa quinta edición

27/01/2012 O Concello de Santiago e Kalandraka Editora convocan o V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, dotado con 9.000 euros para o mellor traballo en concepto de adianto polos dereitos de autor.

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa; o concelleiro de Educación, Ángel Currás, e o xerente de Kalandraka Editora, Xosé Ballesteros, presentaron esta nova convocatoria. O prazo de presentación dos traballos rematará o 2 de marzo de 2012 e o fallo do xurado darase a coñecer en torno ao 2 de abril, no marco do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e das actividades da XII Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago.

Conde Roa referiuse aos álbums ilustrados como un "instrumento cada vez máis interesante para a animación á lectura" e resaltou "proxección internacional" que o Premio lle outorga a Santiago. Á dimensión formativa tamén se referiu o concelleiro de Educación, afirmando que o álbum ilustrado é "o primeiro contacto dos máis pequenos con mundo do libro e un instrumento fundamental na aprendizaxe e para o fomento do hábito da lectura". "É unha honra ter un premio destas características", dixo.

Pola súa parte, o xerente de Kalandraka felicitouse por que un certame coma este se manteña malia as dificultades económicas. Expresou o seu desexo de que, como en edicións anteriores, "a participación sexa masiva" e de aí saía "un novo éxito. Indicou que se está configurando o xurado, o cal contará con "grandes nomes da ilustración española".

O Premio Internacional Compostela está dirixido a autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas, escritas en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica. As persoas interesadas en presentarse ao certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto. O material, asinado baixo lema ou pseudónimo, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- así como en inglés, en outubro de 2012. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil. As bases completas de participación no V Premio Internacional Compostela pódense consultar nesta mesma páxina web e na de Kalandraka.

Álbums gañadores
A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela -ao que se presentaron 335 traballos- foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada Cerca. Na convocatoria de 2009 -á que optaban 280 aspirantes- o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por Un gran soño. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro A familia C, que competiu con outras 518 obras. O uruguaio Martín León Barreto gañou a convocatoria de 2011 co álbum A viaxe de Olaf, seleccionado entre 374 traballos procedentes de 19 países.

A convocatoria deste certame encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Concello de Santiago e Kalandraka organizan anualmente no mes de abril, e que en 2012 chegará á súa duodécima edición. As actividades programadas -sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actos nas librarías da cidade, charlas para docentes e familias- chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Condolencias
O alcalde iniciou a comparecencia expreando as súas condolencias e as da Corporación cos familiares das vítimas do accidente acontecido na praia coruñesa do Orzán, así como a súa solidariedade coa cidade da Coruña nestes difíciles momentos.

Compartir: