PLENO

O Concello regula os espazos e as características estéticas das terrazas

26/01/2012 Na sesión ordinaria de xaneiro do Pleno municipal aprobouse inicialmente a nova ordenanza municipal reguladora das terrazas e quioscos de hostalería. Tamén se cambiou a norma reguladora do servizo de axuda no fogar e deuse o visto bo inicial ao regulamento do Consello Sectorial de Familia, Benestar Social e Igualdade.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, foi a encargada de explicar os principais puntos da nova ordenanza municipal reguladora das terrazas e quioscos de hostalería, aprobada inicialmente polo Pleno cos votos favorables do grupo de Goberno e o negativo de PSdeG-PSOE e BNG. Esta norma ofrece un marco máis normativo máis amplo, con maiores posibilidades para os titulares destas instalacións. Regúlase o mobiliario, os tipos de instalacións autorizables, as modalidades de ocupación e as particularidades da instalación de terrazas en espazos libres privados, ademais do réxime de sancións.

Regúlanse os cerramentos, permitindo os mesmos mediante xardineiras, mamparas de madeira ou mesmo cristal. En calquera caso, os materiais destes cerramentos e do mobiliario deberán ser previamente homologados, presentando os hostaleiros unha proposta de modelos. Corresponderalle á Comisión Asesora do Casco Histórico a aprobación destes modelos e decidir qué espazos, efectivamente, poden ser delimitados. Nos casos en que non sexa posible a colocación de mobiliario delimitador, as zonas habilitadas como terraza acoutaranse mediante uns cravos metálicos no chan.

En canto aos horarios das terrazas, establécese como horario de peche xeral as 23:30 horas de domingo a xoves, prolongándose ás 0:30 horas os venres e sábados, podendo ampliarse en períodos de festas. Tamén se establece unha excepción durante os meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro, nos que o horario de peche se estenderá ata as 1:00 horas.

Hai algún cambio igualmente no tipo de cadeiras e mesas autorizadas. Fronte ao modelo único anterior de módulos dunha mesa e catro cadeiras, agora permítese o dunha mesa e dúas cadeiras e o dunha mesa alta e catro banquetas, con fin todo isto de facilitar o aproveitamento do espazo.

Outra das novidades é a autorización de quioscos de hostalería permanentes en determinados espazos da cidade. Ademais, regúlanse os patios privados de hoteis, establecementos hostaleiros ou centros comerciais, que en todo caso deberán respectar a ordenanza de ruídos.

En canto ao réxime de sancións, fíxanse tres graos: faltas leves, con multas de ata 750 euros; graves, penadas con ata 1.500 euros e a revogación da licenza; e moi graves, con multas de ata 3.000 euros e a revogación da licenza.

A ordenanza entrará agora no período de alegacións. Volverá ao Pleno de marzo para a aprobación definitiva. Entrará en vigor unha vez sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Consello Sectorial de Familia
Co pronunciamento favorable do PP e o voto negativo de PSdeG-PSOE e BNG, aprobouse inicialmente o regulamento de organización e funcionamento do Consello Sectorial de Familia, Benestar Social e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela. Segundo explicou a concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, neste Consello aglutinaranse as funcións dos anteriores consellos de Migracións, Persoas Maiores, Servizos Sociais e Muller, dado o caracter transversal de moitas das súas problemáticas e para dotalo de máis operatividade.

Modificación da ordenanza do servizo de axuda no fogar
Ademais, aprobouse por unanimidade a modificación da ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar. Este cambio ten por obxecto eliminar do texto o réxime sancionador, cuxa competencia é autonómica.

Apoio aos investigadores
Outro dos acordos por unanimidade do Pleno foi o apoio a unha proposición do grupo municipal do PSdeG-PSOE para o fomento da estabilización dos investigadores contratados polo complexo universitario de Santiago. En concreto, ao Servizo Galego de Saúde e á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a "buscar liñas de viabilidade financeira que permitan asegurar a estabilidade e a permanencia no emprego do persoal investigador do Servizo Galego de Saúde, promovendo que os empregadores e/ou financiadores se comprometan na mellora da estabilidade das condicións laborais dos investigadores, aplicando e respectando as disposicións e principios establecidos na directiva 1999/70/CE do Consello relativa ao traballo de duración determinada, co fin de impedir que o rendemento dos investigadores non se vexa prexudicado pola inestabilidade dos contratos de emprego". Esta proposta foi emendada polo PP na súa parte resolutiva.

Instalacións en Lavacolla
Por último, aprobouse a primeira parte dunha proposición municipal do PSdeG-PSOE relativa á solicitude a AENA da cesión das instalacións deportivas do antigo Aeroclub co fin de recuperalas para o uso público.

Compartir: