INFRAESTRUTURAS

O Concello intensificará os controis de calidade nas obras da rede viaria e priorizará infraestruturas nesta materia

26/01/2012 A concelleira de Obras e Infraestruturas, María Castelao, anunciou en rolda de prensa a contratación de dous estudos: un para analizar todas as necesidades en materia de infraestruturas viarias e outro para verificar as calidades de obras xa executadas.

O primeiro dos estudos, cun prazo de execución de tres meses e un custo de 17.900 euros, debuxará a realidade das infraestruturas viarias en Santiago de Compostela. O obxectivo é marcar prioridades e optimizar recursos, partindo dunha análise que terá en conta aspectos técnicos, medioambientais, económicos e de uso.

O estudo analizará tanto a rede viaria do Concello como a proxectada no Plan MOVE da Xunta de Galicia e polo Ministerio de Fomento, ademais de toda a prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). "Daranos unha relación de novas infraestruturas necesarias e permitiranos non dar pasos en falso e non realizar investimentos en balde", apuntou a concelleira. Dentro desta análise non se incluirán infraestruturas que xa hoxe se consideran prioritarias, como o túnel de Conxo ou novas conexións coa AP-9.

Verificación das calidades dos pavimentos
O outro estudo ten por obxecto verificar a calidade dos pavimentos nas obras viarias executadas nos últimos dous anos. Seleccionarase unha serie de vieiros, nos que se extraerán testigos que permitirán analizar a espesura, densidade e calidade dos pavimentos. Así poderase comprobar se o executado se corresponde realmente co certificado.

María Castelao puxo como exemplo de irregularidade a reurbanización da rúa Rosalía de Castro e da Choupana onde inicialmente estaba previsto un pavimento de calidade valorado en 21,19 euros/m2. "A través dun modificado, colocouse unicamente unha capa de rodadura de aglomerado asfáltico, que se valorou en 18,25 euros/m2 cando, consultadas empresas do sector, nos din que o custo real do pavimento colocado está entre 6,50 e 6,70 euros/m2. Así, fixou o desfase total entre o valor real das calidades de pavimento construídas e o pagado en 180.000 euros, polo que afirmou que "haberá que pedir responsabilidades".

Estas medidas tamén van na liña de optimizar recursos. Por iso, nos pregos de condicións das futuras obras "incidirase especialmente nestes controis de calidade". Ademais de nas obras executadas nos últimos anos, estas comprobacións faranse tamén nas actuacións viarias que se realicen a partir de agora. O estudo inicial ten un custo de 3.180 euros e un prazo de execución dun mes.

Compartir: