DEPORTES

Cita coa esgrima no pavillón de Pontepedriña

26/01/2012 O pavillón polideportivo de Pontepedriña acolle o sábado 28 e o domingo 29 de xaneiro o VI Trofeo Compostela Esgrima. Entre 150 e 180 deportistas daranse cita neste torneo, que inclúe o Ranking Galego de Espada (en categorías absoluta e para menores de 15 anos) e o Ranking Nacional de Veteranos (en espada e florete).

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o trofeo e convidou os composteláns a presenciar a competición dunha especialidade que reúne "disciplina, concentración e coordinación". Trátase ademais dun torneo "xa asentado" no calendario de competición galego e español, segundo apuntou o presidente da Asociación Compostela Esgrima, Xosé Piñeiro.

O VI Trofeo Compostela Esgrima contará coa participación de todos os clubs de Galicia, e entre eles o organizador, que competirá cuns 50 esgrimistas entre as súas dúas escolas: a de Vilagarcía e a da Universidade de Santiago. Pero ademais, achegaranse ata Santiago participantes de Portugal e doutras zonas de España, como Madrid, Valladolid, Guadalaxara, Mallorca, Barcelona ou Asturias.

A competición comezará ás 9:30 horas do sábado 28, co Ranking Galego de Espada, que terá as semifinais e finais masculina e feminina pola tarde. Tamén o sábado bateranse os máis veteranos en florete. O domingo 29, Ranking Nacional de Veteranos de espada e Ranking Galego para menores de 15 anos.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: