ALCALDÍA

Santiago de Compostela e Querétaro estreitan os seus lazos de cooperación

24/01/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e as concelleiras de Turismo, Reyes Leis, e de Urbanismo, María Pardo, recibiron en Raxoi un grupo de representantes da Secretaría de Turismo de México e de Turismo do Estado de Querétaro.

As autoridades mexicanas pasaron por Santiago tras a celebración de FITUR co fin de estreitar os lazos que unen a cidade co Estado de Querétaro, fundamentalmente a través da súa capital, Santiago de Querétaro. Ademais de estar irmandadas e de compartir nome, ambas contan con centros históricos declarados Patrimonio da Humanidade.

Conde Roa expresou a súa satisfacción por recibir a unha das cidades irmandadas con Santiago. "Falamos da colaboración que podía existir entre Querétaro e Santiago e buscaremos liñas nese sentido", indicou o alcalde.

A delegación mexicana estaba encabezada polo subsecretario de Operación Turística da Secretaría de Turismo Federal, Fernando Olivera Rocha, e polo secretario de Turismo do Estado de Querétaro, Mauricio Salmón.

O Estado de Querétaro ten como capital a Santiago de Querétaro. A cidade foi fundada o 25 de xullo de 1531, día do Apóstolo Santiago. O seu nome colonial orixinal foi Santiago de Querétaro, aínda que tras a independencia de México quedou en simplemente Querétaro. Pero despois do seu nomeamento, en 1996, como Patrimonio Cultural da Humanidade, recuperouse o nome orixinal.

Santiago está irmandada con Santiago de Querétaro. A unión foi aprobada no Pleno do 28 de xullo de 1996 e asinada formalmente o 10 de marzo de 1997. Segundo a acta de irmandamento, ambas cidades comprometíanse a promover "todo tipo de intercambios culturais, turísticos ou educativos" de interese común. Do mesmo xeito e en colaboración coas institucións universitarias e empresariais, apostábase pola "busca de puntos de contacto común entre a historia de ambas cidades, que se traduzan en empresas de mutua cooperación".

Documentos relacionados



Compartir: